POLÍTICAS DE IGUALDADE

Unha placa na Praza 8 de Marzo recorda, desde hoxe, que San Pedro xa é un barrio amigable LGTBIQ+

28/06/2022 Desde hoxe, Día do Orgullo, San Pedro xa é oficialmente Barrio Amigable LGTBIQ+ . A placa, con esta inscrición, foi descuberta polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e por Santiago Abal, autor da iniciativa, aprobada en pleno, que recibiu ademais o apoio de máis de 1.200 sinaturas de veciñanza e negocios da zona.

Unha vez descuberta a placa, procedeuse, a lectura do "Manifesto Institucional con motivo da celebración do orgullo LGTBIQ+ 2022. Compostela Cidade Diversa". Comezou Santiago Abal. A continuación foi a quenda dos portavoces dos grupos Municipais do BNG, Goretti Sanmartín; de Compostela Aberta, Marta Lois; e do PSdeG, Sindo Guinarte. A lectura pechouna o alcalde, Sánchez Bugallo.

No manifesto, destácase, entre outros puntos, o compromiso de Santiago de Compostela, cidade de liberdade para as persoas LGTBIQ, e libre de LGTBIQfobia, coa "universalidade dos dereitos humanos e o rexeitamento de calquera apelación a valores ideolóxicos, culturais, tradicionais e relixiosos para xustificar calquera tipo de discriminación". Tamén se condena "calquera forma de violencia e discriminación contra gais, lesbianas, bisexuais, transexuais, intersexuais e demais membros do colectivo LGBTIQ+" e se celebran os avances logrados estes anos nos dereitos das persoas trans, coma a aprobación no dia de onte da "Lei Trans". A maiores, recoñécese o "traballo das asociacións, colectivos e activistas LGBTIQ+ e se apoian todas as súas accións encamiñadas á defensa da igualdade e a loita contra a discriminación das persoas LGBTIQ; e se acorda iniciar, polos tres grupos da Corporación presentes na lectura do manifesto, a posta en marcha dun Centro LGTBI na nosa cidade.

O alcalde rematou a lectura convidando a toda a cidadanía, no Día do Orgullo, "a sumarse a esta celebración e reivindicación da diversidade e a liberdade. A esta homenaxe a todas as persoas que loitaron e ás que seguen loitando para acadar unha sociedade máis xusta, máis igual, máis diversa, máis igualitaria e máis respectuosa cos dereitos humanos".

Compartir: