ACCIÓN CULTURAL

O artista Rodríguez-Méndez recibe o II Premio Plataforma pola súa traxectoria no eido da performance e as artes vivas

28/06/2022 O premio foi entregado polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, nun acto ao que tamén asistiron Mila Castro, concelleira de Medio Ambiente; representantes dos grupos municipais do Concello; Santiago Olmo, director do CGAC; e David Barro, Mónica Maneiro e Iñaki Martínez Antelo, directores de Plataforma. Festival de artes performativas.

Hoxe foi entregado no Pazo de Raxoi o II Premio Plataforma ao artista Rodríguez-Méndez pola solidez da súa traxectoria, na que a través de diferentes medios viu explorando as transformacións e relacións entre diversos materiais (aceite, terra, lume, turba...) así como a experiencia esencial e física do home fronte ás mesmas. O artista recibiu de mans do alcalde un galard unha pedra poética de Plataforma, obra da ceramista Verónica Moar, tamén presente no acto.

Os organizadores do Festival salientaron que o galardón desta edición recaeu en Rodríguez-Méndez por tratarse dun "artista galego imprescindible para comprender o desenvolvemento das propostas artísticas contemporáneas no noso territorio e tamén fora de el", tanto polas "súas aportacións no eido da performance e as artes vivas, como polo seu grandísimo traballo como artista plástico". Tamén se destacaron as súas esculturas de turba instaladas no MARCO de Vigo ou as súas accións no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago.

O artista homenaxeado estivo presente na edición deste ano de Plataforma, a través do seu proxecto La puerta natural, desenvolvido en colaboración coa poeta Chus Pato. Así mesmo, durante os días que durou o festival mantivo aberto un obradoiro na rúa da Oliveira onde o público tivo a oportunidade de ver algúns proxectos nos que o artista estivo traballando, ademais de levar a cabo outras accións que realizou polas rúas de Santiago.

Rodríguez-Méndez toma así o relevo da artista La Ribot, que recibiu o premio o ano pasado pola súa traxectoria no mundo da performance e a danza. A artista que atesoura o Premio Nacional de Danza (2000), o León de Ouro da Bienal de Danza de Venecia (2020), así como a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes (2015) e o Gran Premio Suizo da Danza (2019), foi protagonista na I edición do Festival Plataforma cunha exposición no CGAC titulada "La Ribot. Manual de uso".

Festival Plataforma
Entre o 9 e o 18 de xuño tivo lugar a II edición do festival de artes performativas Plataforma, un proxecto que baixo o fío da performatividade quere tender pontes entre as artes visuais e as artes vivas, a música, as artes escénicas, a arquitectura e o deseño.

Dirixido por Performa S. Coop. Galega, Plataforma continúa coa intención de traballar en rede e complicidade co maior número de axentes, institucións e espazos posibles dunha cidade referente cultural como Santiago.

Plataforma é un festival de cidade, transversal, comprometido co urbanismo e a riqueza patrimonial material e inmaterial de Compostela, coa súa diversidade, coa igualdade, coa tradición e coa innovación cultural, preocupado pola sustentabilidade e por proxectar talento local. Por este motivo a primeira edición de Plataforma tivo gran fortuna crítica en medios estatais e autonómicos e foi destacada no Observatorio de la Cultura en España 2020 (Fundación Contemporánea) entre as dez mellores iniciativas culturais do ano en Galicia.

Entre as propostas que pasaron este ano pola cidade destacaron o primeiro proxecto de Marta Pazos tras a disolución de Voadora, accións performativas de Chévere, Daniel García Andújar ou María Salgado con Fran MM Cabeza de Vaca e colaboracións artísticas entre creadores como Chus Pato e Rodríguez-Méndez ou Macarena Montesinos coa Banda Municipal de Música de Santiago.

Compartir: