ALCALDÍA

O alcalde de Santiago reclama na Ofrenda do Antigo Reino de Galicia a unión de todos para afrontar as dificultades

26/06/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, exerceu esta mañá na Catedral de Lugo de delegado oferente no acto da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia. Ao tradicional voto asistiron representantes das corporacións da Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Tui, Betanzos e Mondoñedo.

Sánchez Bugallo agradeceu o nomeamento como oferente nun acto que se leva celebrando dende 1669 na Catedral de Lugo. O rexedor salientou a importancia do evento, que "simboliza a unión das sete cidades do Antigo Reino de Galicia ante a adversidade. Encarna un sentimento de comunidade e devoción á Eucaristía nun momento no que esta excelsa Basílica Catedral de Santa María que nos acolle atravesaba dificultades económicas. Sentimento de unión para a superación dos atrancos no camiño que hoxe en día debe ser invocado con renovada forza".

O alcalde de Santiago referiuse no seu discurso os "tempos complexos" actuais: "a unha longa e virulenta pandemia, que acabou coa vida de tantos cidadáns e cidadás ao longo do planeta, súmase unha guerra cuxas consecuencias máis inmediatas xa estamos a sufrir". Ademais de amosar o "noso alento" para todos os que sofren, en particular para os que están vivir o conflicto armado de Ucraína "en primeira liña", Sánchez Bugallo fixo un chamamento para non deixar a ninguén atrás: "non podemos e non debemos deixar a ninguén atrás. Como servidores públicos, temos que redobrar esforzos para poder saír fortalecidos destas crise".

Non só se referiu ao problemas económicos derivados da pandemia e da crise; Sánchez Bugallo tamén reparou noutros efectos negativos "máis difíciles de detectar, pero igualmente graves": "as incertezas, as restricións, as perdas….sostidas durante tanto tempo están deixando unha fonda pegada psicolóxica. Debemos estar moi atentos e destinar os recursos necesarios para facerlle fronte".

Tamén se lembrou durante o voto "doutros problemas que, se ben parece que pasaron a un segundo plano, teñen que seguir preocupándonos e ocupándonos", como a violencia machista, o desemprego, a necesidade de garantir un futuro para a xuventude ou a loita contra a perda da biodiversidade.

Con carácter previo á misa e lectura da Ofrenda, o rexedor compostelán participou nunha recepción do Concello de Lugo ofrecida pola alcaldesa, Lara Méndez.

Ofrenda do Antigo Reino de Galicia
Neste 2022 celébranse os trescentos cincuenta e tres anos da Ofrenda anual que seguen a facer en Lugo cada infraoitava do Corpus as cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Mondoñedo, Betanzos, Santiago e Tui, capitais do Antigo Reino de Galicia.

A Ofrenda celébrase dende que as Xuntas do Reino de Galicia acordaran contribuír á iluminación do Altar Maior da Catedral, en 1669. Nese ano facíase oficial na Coruña a axuda de 1500 ducados das sete capitais do Antigo Reino de Galicia para a iluminación con velas do Santísimo Sacramento exposto día e noite na catedral, unha ofrenda que co tempo pasou a ser simbólica pero que mantén a esencia orixinal deste acto: a devoción eucarística de Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: