TURISMO

O Tren Cacharelo volve a percorrer a cidade este xoves co Festival de San Xoán

21/06/2022 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, presentou unha nova edición do Festival de San Xoán, acompañado pola xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil. O Festival, organizado pola entidade de promoción turística do Concello, terá lugar a partir das 17:00 h do xoves 23 de xuño na praza de Mazarelos tras dous anos de parón e contará con actividades para todos os públicos.

O Festival regresa co obxectivo de aproveitar a gran tradición que teñen as Festas de San Xoán na cidade, con multitude de cacharelas por todo o termo municipal e unha implicación veciñal moi importante, e así potenciar o seu atractivo turístico. Nesta liña, o "Tren Cacharelo" percorrerá de 17.00 a 22.00 os barrios onde se celebran algunhas das cachaleras con máis tradición do Concello.

Este Festival, que completa ás actividades que artellan para o día de San Xoán os distintos colectivos, barrios e asociacións de todo o concello, arrincará ás 17 horas da tarde na praza de Mazarelos, cun programa de actividades gratuítas.

De 17.00 a 18.00 haberá un Obradoiro de Pandeireta e Percusión Tradicional e outro de Danzas Tradicionais. De 18.15 a 19.15 haberá un Taller de Canto, Aturuxos, Percusión e Chascarraschás e outro de Baile Galego. E dende as 19.20 ata as 21.00 organizaranse Obradoiros de Ramiños de Herbas de San Xoán cada 30 minutos.

Tamén haberá dúas Rutas de Recollida de Herbas de San Xoán, paseos de contido botánico que percorrerán a contorna das Brañas do Sar na busca das sete herbas de San Xoán.

Na praza haberá tamén un espazo específico para a cativada, o "Espazo Palleiro", repartirase de balde "Auga máxica de San Xoán", ademais doutras novidades. Ademais, a partires da nove da noite haberá un concerto de Xurxo Fernandes, que ás 22.00 dará paso ao Conxuro e unha Degustación de Queimada, para pechar a festa a partires das once da noite cun concerto de CRNDS + Fransy.

Para asegurar a praza nas distintas actividades é posible inscribirse a través de santiagoturismo.gal onde tamén se atopa o programa detallado do Festival, os horarios e paradas do Tren Cacharelo e o listado das máis de 30 cacharelas públicas que se celebran neste ano, así como información de interese sobre os ritos e tradicións relacionadas co San Xoán.

Direcciones relacionadas



Compartir: