POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello súmase ao Día Internacional das Persoas Refuxiadas cunha campaña de sensibilización e un concerto da Banda Municipal

17/06/2022 Cada ano, o 20 de xuño conmemórase o Día Mundial da Persoa Refuxiada co propósito de dar visibilidade á difícil situación de aqueles que foxen dos conflitos ou das persecucións, e poñer o foco nos dereitos, as necesidades e os soños destas persoas. Este ano, o Concello colabora a través dunha campaña que pretende dar visibilidade aos artigos da Declaración dos Dereitos Humanos que garanten a protección das persoas refuxiadas.

Un ano máis o Concello de Santiago en colaboración coa Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas lanzarán un campaña de sensibilización dirixida á cidadanía compostelá co gallo do Día Internacional da Persoa Refuxiada que se celebra o vindeiro luns, 20 de xuño.

No marco desta campaña, taxis e autobuses da cidade portarán unha serie de imaxes con artigos da Declaración dos Dereitos Humanos para chamar así a atención sobre o dereito de todos os seres humanos a buscar protección, e ser tratados con dignidade e igualdade.

Ademáis, o día 23 de xuño ás 20:00 h, a Banda Municipal de Santiago, ofrecerá o concerto "Retornos melódicos" na praza de Praterías, en homenaxe a todas as persoas refuxiadas do mundo.

Día Mundial do Refuxiado
O Día Mundial do Refuxiado é un día internacional designado polas Nacións Unidas para honrar ás persoas refuxiadas e desprazadas de todo o mundo. Conmemórase o 20 de xuño de cada ano para enaltecer a forza e a coraxe das persoas que se viron obrigadas a abandonar o seu fogar para escapar de conflitos ou persecucións.

Trátase dunha ocasión para fomentar a comprensión e a empatía cara ás persoas refuxiadas e desprazadas tendo en conta as difíciles circunstancias nas que se atopan; así como recoñecer a súa capacidade de resiliencia na reconstrución das súas vidas.

Este ano, farase fincapé no dereito de toda persoa desprazada a buscar protección con independencia do tipo de ameaza (guerras, violencia, persecucións). Deste xeito, quérese recordar que toda persoa ten dereito a solicitar asilo e a acceder de forma segura a outros países. Ademais ningunha persoa debe ser obrigada a regresar ao país no que a súa vida ou a súa liberdade corren perigo nin ser discrimanada por razones de raza, a relixión, o xénero e o país de orixe. Tamén é prioritario que reciban un trato digno e respectuoso.

Compartir: