IGUALDADE, TURISMO E COMERCIO

Santiago amosa o seu compromiso coa realidade LGTBI cunha nova edición de Compostela Diversa

13/06/2022 Máis de 200 establecementos comerciais, hoteleiros e hostaleiros da cidade participan na campaña de difusión e visualización da realidade LGTBI.

O Alcalde Santiago, Xosé Sanchez Bugallo, e os concelleiros de Igualdade, Mercedes Rosón, e Turismo, Sindo Guinarte, presentaron esta mañá na Alameda unha nova edición de Compostela Diversa, programa que une xornadas de reflexión, actividades lúdicas, intervencións no espazo público e unha campaña de difusión e concienciación sobre a realidade LGTBI.

Esta edición de Compostela Diversa celebrarase do 13 de xuño ao 3 de xullo. O día central da actividade será o sábado 25 de xuño, cando o CGAC acollerá pola mañá a mesa redonda "Mulleres LBTI, falan elas", na que participarán a Secretaria de Estado de Igualdade, Ángela Rodríguez, a sexóloga e técnica de Igualdade, Aitzole Araneta, a xurista experto en xénero e diversidade sexual, Mireia Marti, a Decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Carmen Fernández, e o investigador da USC, Enrique Latorre.

Ademais, ese mesmo día 25, a Praza de Mazarelos, acollerá un programa lúdico, artístico e poético, no que participarán, entro outros, Berto, Meiga-i, Dj Riquiña , MounQup...Tamén terán lugar un certame poético e unha "Festa Tr3mor".

Os martes 21 e 28, a Casa Xohana Torres, acollerá dúas charlas. A primeira será de Cristy Tojo, co título "Entrena con Orgullo: a realidade LGTBI+ no deporte". E a segunda de Laura Marcilla, co título "Falamos do (+) do LGTB (+)". Tamén o día 28, a Praza 8 de Marzo acollerá a lectura dun manifesto e a instalación dunha placa na que se recoñecerá que o Barrio de San Pedro é un espazo amigable para o movemento LGTBI.

De xeito complementario a estas actividades, máis de 200 establecementos comerciais, hoteleiros e hostaleiros da cidade vestiranse coas cores de Compostela Diversa, a través de distintos elementos coma mandís, carteis, postais, pousavasos e manteis, dentro dunha campaña de difusión e visualización do programa.

Finalmente, ampliarase con respecto ao ano pasado os elementos visuais nos espazos públicos para celebrar a diversidade. Haberá iluminacións e decoracións especiais en diferentes puntos da Alameda, como Porta Faxeira, as Dúas Marías, o Palco da Música e o Eucalipto dos Namorados, no Pazo de Raxoi, no Teatro Principal e na Rúa das Ameas.

Ademais, no Paseo dos Leóns da Alameda instalarase un Arco de Cores de grandes dimensións para que tanto as persoas residentes en Santiago como as persoas que visitan a cidade estes días podan tomarse unha fotografía cos cores da diversidade coa vista do Casco Histórico e da Catedral no fondo.

Compostela Diversa é unha acción transversal promovida pola Concellería de Igualdade. Conta coa colaboración do departamento municipal de comercio e con Turismo de Santiago, que conta co apoio da Deputación da Coruña. E ten ademais a colaboración de Avante LGBT+, Arelas e a Casa Xohana Torres.

Direccións relacionadas



Compartir: