MOBILIDADE

O Castiñeiriño estrea un parque de tráfico para mellorar a educación viaria da cativada

07/06/2022 Situado na nova praza do Castiñeiriño, o recén inaugurado parque de tráfico está pensado para todas as idades, e de xeito especial para que nenas e nenos poidan adquirir as nocións básicas de circulación segura a través da condución simulada nesta pista. Este novo espazo está en liña co plan de actividades da Policía Local dirixidas á cidadanía sobre educación viaria.

O Departamento de Tráfico do Concello de Santiago vén de instalar no barrio do Castiñeiriño un circuíto que recrea todos os supostos que un condutor pode atopar circulando pola cidade, co obxectivo de educar os máis cativos en materia de seguridade viaria.

Todas aquelas persoas interesadas poderán achegarse ao Castiñeiriño coas súas bicicletas, karts ou patíns para percorrer o circuíto que simula unha vía real con todas as marcas viais en dimensións mais reducidas e con todo tipo de detalles: carrís de circulación con sinalización de preferencia nos seus cruzamentos, así como traxectos peonís cos seus pasos de peóns correspondentes.

Este novo circuito é un complemento do Parque de Educación Viaria de Amio que xa está en marcha nas instalacións do Mercado de Gando de Amio, xestionado pola Policia Local, donde ao longo do ano se imparten cursos de seguridade viaria dirixidos aos nenos dos colexios da nosa cidade.

Parque de Educación Viaria
No marco do programa de actividades educativas da Policía Local, o Parque de Educación Viaria instalado no recinto feiral de Amio recibiu nos pasados meses de marzo e abril a visita de máis de 1.900 alumnos procedentes de 24 centros educativos de Compostela.

Cada grupo recibe unha parte de formación teórica, e logo unha práctica no propio Parque, pintado no recinto feiral de Amio e que ocupa un espazo de máis de 1.200 metros cadrados. A instalación conta con todos os elementos necesarios para que os rapaces e rapazas se familiaricen coas normas de circulación e cos sinais de tráfico, e tamén para que coñezan as habilidades básicas para moverse polo espazo urbano como peóns/oas, ciclistas ou condutores/as. Para iso, ademais da sinalización horizontal, no parque hai semáforos e sinais verticais, nun circuíto que se pode percorrer a pé, en bicicleta, en karts a pedais ou patinetes.

Compartir: