MEDIO AMBIENTE

O Concello lanza unha tiraxe do libro "O valor das árbores", un cómic que recolle curiosidades e grande parte do coñecemento científico que se ten sobre estes seres vivos

04/06/2022 Os textos foron escritos por Susana Domínguez Lerena, escritora, profesional da arboricultura, enxeñeira forestal e de montes e presidenta de Bosques Sen Fronteiras, quen tentou reflectir os seus propios coñecementos dun xeito sinxelo e entretido para o gran público. Os debuxos foron realizados por Daniel Rodríguez, historiador da arte e Máster en Banda Deseñada e Educación. Nos próximos días o Concello de Santiago de Compostela distribuirá os exemplares entre os centros educativos e socioculturais da cidade, co gallo do Día mundial do Medio Ambiente.

O cómic "O valor das árbores" ofrece un percorrido polos aspectos máis descoñecidos das árbores e preséntaas como un ser vivo con moitos beneficios para o ser humano, pero que reacciona e se defende ante as ameazas. Descubrir os seus aspectos máis interesantes, as súas asociacións con outros seres vivos e os seus mecanismos de crecemento e defensa son os obxectivos desta curiosa publicación.

Este cómic pretende achegar á sociedade o valor da árbore, os seus beneficios e necesidades. Neste libro atoparemos curiosidades e temas que invitan a reflexionar, como as vantaxes que as árbores achegan ás cidades, os beneficios que poderiamos obter incorporándoas ao mundo urbano ou a forma en que poderían frear o cambio climático, entre outros.

O Concello de Santiago de Compostela, consciente da importancia das árbores, levou a cabo unha edición personalizada e en galego do cómic O valor das árbores, que editou a Editorial Sauré, composto por 115 páxinas en tamaño A5 e 80 ilustracións. O libro consta de 10 capítulos seguidos dunha historia relacionada coa información. Os temas que trata son os seguintes:

1. Estrutura perfecta: as árbores non caen, tirámolas. Conto: O xigante de Takuda
2. As árbores reaccionan ás ameazas. Conto: A árbore dos problemas
3. Canto tempo pode vivir unha árbore? Conto: O home que non quería envellecer
4. O misterio das árbores ocas. Conto: O piñeiro que naceu nun carballo
5. Cogomelos e árbores: a unión fai a forza. Conto: O xardín salvado
6. As raíces: un universo escondido baixo os teus pés. Conto: A árbore que aparentemente non quería crecer
7. Bosques terapéuticos. Conto: O día que aprendín a abrazar as árbores
8. O espazo das árbores na cidade. Cabemos todos? Conto: A Cidade Perdida
9. Hai que podar as árbores? Conto: O bosque de nunca xamais onde sempre se fixera así
10. Beneficios das árbores nas cidades. Conto: a árbore da abundancia

Todo isto contado desde un punto de vista que axuda a apreciar e valorar as árbores, achegando, ademais da sinxela descrición, datos interesantes, con curiosidades e información científica e práctica de interese.

Compartir: