TURISMO

Santiago consolida a recuperación turística en abril, con case 130.000 pernoctacións

25/05/2022 Os datos do Instituto Nacional de Estadística confirman que a nova temporada deixa atrás a pandemia, con máis de 300.000 pernoctacións no que levamos de Ano Santo de 2022. Estes datos foron presentados en rolda de prensa polo concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, que fixeron balance da situación turística da cidade, cos datos do primeiro cuatrimestre de 2022, e tamén compartiron as principais expectativas de cara ao resto do Ano Santo.

As cifras tanto de pernoctacións como de peregrinos e de viaxeiros fan que no Concello "sexamos máis que optimistas e que pensemos que este ano será o da recuperación do sector turístico da capital galega", salientou o edil.

Neste senso, a Xerente de Turismo de Santiago deu conta dos datos de pernoctacións publicados polo Instituto Nacional de Estatítisca que veñen de amosar un dato máis que positivo no número de pernoctacións de turistas nacionais que superaron os 200.000 nos primeiros catro meses de 2022, unha cifra non acadada ata agora na capital galega. Só en abril, rexistráronse máis de 76.000 pernoctas de visitantes patrios, os mellores datos dos últimos dez anos. O crecemento de visitantes estranxeiros tamén está a ser importante, sobre todo o mes pasado. Segundo dixo Flavia Ramil, "en abril se superaron ás 50.000 pernoctacións internacionais, unha cifra semellante á de 2019 e superior á do Ano Santo de 2010".

Os datos deste primeiro cuatrimestre son moi positivos noutros parámetros que permiten facer a foto fixa do que vai ser o resto do Ano Santo. O aeroporto de Santiago chegou a case os 300.000 viaxeiros en abril, cun crecemento do 15,5 por cento con respecto ás cifras de 2019. Esta intensa actividade confirma as boas expectativas do aeroporto Rosalía de Castro, onde as compañías teñen á venda 2, 48 millóns de prazas ata finais de outubro, con 31 destinos directos. Entre xaneiro e abril, a terminal compostelá rexistrou 750.000 pasaxeiros.

En canto ao número de peregrinos, estánse a dinamitar todos os récords con máis de 70.000 compostelas entregadas no que levamos de ano, superándose as expectativas marcadas ao inicio do 2022.

Unhas cifras que van na liña das previsións do sector hostaleiro, que marcaba nun 80 por cento a ocupación dos establecementos da capital galega nestas Festas da Ascensión. Cabe salientar que ao longo da Semana Santa, os hoteis da cidade rexistraron unha media do 91,6 por cento de ocupación.

Co obxectivo de consolidar e superar estas cifras, Turismo de Santiago intensifica a súa presenza en eventos do sector, coma a Feira Turexpo, que terá lugar o vindeiro 3 de xuño ou na Feira de Primavera no Camiño Inglés, o día 4. En canto ao Santiago de Compostela Convention Burau, tamén se están a recuperar as accións de promoción, coa súa presenza mañá mesmo, no MIS (Meeting & Incentive Summit), en Madrid e a vindeira semana no IMEX Frankfurt.

Compartir: