EDUCACIÓN

O alumnado da Escola Municipal de Música de Santiago ofrece un concerto á veciñanza do Castiñeiriño

14/05/2022 Numerosos veciños e veciñas acudiron ese mediodía ao patio do antigo colexio Ramón Cabanillas, onde o alumnado da Escola Municipal de Música de Santiago (EMMS) ofreceu un concerto, organizado pola Escola e polo departamento de Educación do Concello.

Neste "Concerto para a veciñanza", que este ano acada a súa décimo novena edición, participaron diferentes agrupacións musicais da Escola: Conxunto de Música Tradicional, Bandiña e Banda. O obxectivo desta proposta é difundir o traballo realizado pola comunidade educativa da EMMS; e á vez, dinamizar a vida local e cultural dos barrios procurando descentralizar e achegar a música a todos os sectores de poboación.

Estas tres agrupacións musicais, son un dos piares máis importantes nos que se sustenta o traballo da EMMS, baseado na premisa de que a música en conxunto é un dos mellores medios para aprender, medrar e madurar musical e cognitivamente.

Nesta edición o lugar escollido foi o barrio do Castiñeiriño, parada de postas obrigatoria durante séculos e que rematou por ser incorporado á cidade, conservando aínda unha marcada identidade propia.

Compartir: