CONSORCIO

O alcalde visita o avance das obras da cuberta das piscinas do complexo de Fontes do Sar

13/05/2022 O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou na mañá deste venres as obras da cuberta telescópica das piscinas do complexo de Fontes do Sar. Fíxoo acompañado da concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, a xerente do Consorcio, Belén Hernández, a arquitecta responsable do proxecto, Idoia Camariuaga, e a xefa técnica do Consorcio, Lourdes Pérez.

Na visita, o alcalde puido comprobar in situ o avance das obras nas que xa están instalados os pórticos da estrutura de aluminio da nova cuberta, ademais do baño turco e a sauna que xa están en construción.

Xosé A. Sánchez Bugallo destacou os traballos previos. "Estamos ante unha obra que é moi complexa porque é unha zona na que é moi difícil atopar sustentación, como xa pasou no Multiusos". Indicou tamén que esa complexidade "require un esforzo grande porque a estrutura pesa moito máis ca o globo anterior. Pero ten a vantaxe de que é unha estrutura máis versátil, máis bonita e máis funcional".

Pola súa parte, a arquitecta Idoia Camariuaga, falou das oportunidades que dará esta nova obra. "A cuberta vai ter seis motores e permitirá ter en verán a cuberta completamente aberta ou pechada, incluso se hai cambios de temperatura permite pechar ou abrir a cuberta, total ou parcialmente de forma moi sinxela". Ademais fixo fincapé na eficiencia enerxética desta nova obra.

A previsión é que o centro deportivo e de lecer poida entrar en funcionamento a finais da primavera de cara á temporada de verán.

A nova cuberta

Esta intervención, realizada polo Consorcio de Santiago nas instalacións propiedade da institución interadministrativa, está sendo executada por Prace, Servicios y Obras S.A. por un importe de 884.621,79€ máis IVE.

O proxecto, asinado polo arquitecto Jorge Barata, realiza unha intervención a partir dunha estrutura de aluminio, dividida en doce módulos, e una cuberta de policarbonato especial para evitar condensacións. A fachada será acristalada ata os 2,20 metros de altura, e a cuberta terá unhas dimensións de 61,80 por 24 metros, sobre unha superficie de 1.446 metros cadrados.

Esta cuberta telescópica permitirá que, desde o momento de posta en marcha, a apertura ou peche da estrutura poderá realizarse de maneira motorizada e inmediata, mentres que o globo do que se dispoñía ata agora obrigaba a pechar as instalacións unha semana para a súa instalación.

Compartir: