FESTAS

Volven as Festas da Ascensión do 25 ao 29 de maio cun completo programa de actividades para todas as idades

12/05/2022 Despois dun 2020 sen Ascensión e dunha edición reducida no 2021 por mor da pandemia, volven as festas compostelás por excelencia, desde o mércores 25 ata o domingo 29, con concertos, orquestras, monicreques, e en xeral unha gran variedade de actividades para todos as idades e todos os gustos. Ademais, tras dous anos de parón, este ano recuperarase a Festa dos Maiores que terá lugar o próximo sábado 28 no Recinto Ferial de Amio, unha cita social moi aprezada polos nosos maiores; así como a tradicional Feira Cabalar durante a xornada do xoves 26.

O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, presentou esta mañá no Pazo de Raxoi o programa completo das Festas da Ascensión deste ano e agradeceu "o esforzo realizado por todas as agrupacións e entidades". O edil amosouse confiado en que tras estos dous anos, nesta edición Festas "poidamos por fin recuperar a atmósfera de alegría e gozo que as caracterizan", pero sen deixar de atender a "calquera eventual indicación procedente das autoridades sanitarias".

Os festexos arrancarán o mércores 26 de maio ás 21:00 horas cun concerto organizado por Los40 Santiago POP na praza da Quintana, que contará coa actuación de Tanxugueiras, Rayden, Agoney, Twin Melody, Lemot, Dani e Nil Moliner, presentado por Tony Aguilar. Desde o mércores ata o domingo haberá citas musicais para todos os gustos: a mítica orquestra París de Noia, o xoves ás 20:00 na praza do Obradoiro; The Sey Sisters, á mesma hora na praza da Quintana; Dios ke te crew o venres ás 22:00 na Sala Capitol, ou Kae Tempes na praza da Quintana o sábado ás 22:00.

As orquestras Miramar e Galilea, distintas corais da cidade e a Banda Municipal de Música de Santiago tamén amenizarán as rúas, e tampouco faltarán as tradicionais alboradas que ambientarán a cidade desde o xoves ata o domingo, en horario de 10 a 12 h. Ademais, en diferentes prazas da vila, cidadáns e visitantes poderán desfrutar das actuación máis tradicionais cos ciclos "Folk na rúa" e "Escolas de Baile Tradicional", ofrecido polas agrupacións folclóricas da cidade como Cantigas e Agarimos, Ultreia ou Brincadeira, entre outras.

Feira Cabalar
Tras dous anos de ausencia, esta edición recupera a tradicional Feria Cabalar, que terá lugar o xoves 26 de maio no Recinto Ferial de Amio, e que ofrecerá un amplo programa de actividades a todos os afeccionados ao mundo do cabalo galego, con andaduras, mostras e entrega de premios, e un espectáculo ecuestre de doma.

Festas dos Maiores
Tamén volverá a Festa para as Persoas Maiores na que é xa a súa 23 edición, para que os nosos maiores poidan volver reunirse e desfrutar xuntos dun xantar con sobremesa amenizada pola orquestra Fussión e José Manuel Punzano, a un prezo adaptado a todos os petos de 7,50 euros. Esta xuntanza terá lugar o sábado 28 de maio no Recinto Feiral de Amio, e as entradas estarán dispoñibles a partir do día 16 de maio no despacho de billetes do Teatro Principal. Para facilitar o acceso, o Concello habilitará un servizo de buses desde a praza de Galicia ata o Recinto Frial de Amio en horario de 12:00 a 14:00 h e de 17:00 h a 19:00 h.

Outra das actividades tradicionais que se repetirá este ano é o torneo da Chave, que acada a súa XLV edición e que se desenvolverá venres e sábado na Alameda compostelá.

Ademais o programa inclúe outras actividades para públicos diversos, como a representación da peza de teatro "Silencio" con Blanca Portillo, que terá lugar no Auditorio de Galicia o xoves 26 ás 20:30, ou o campionato de Freestyle Motocross o sábado 28 ás 19:30 no Multiúsos Fontes do Sar. O Centro Xuvenil Don Bosco acollerá tamén un ciclo de milongas precedido por un curso de tango o sábado a partir das 16:30 h.

Actividades para os máis pequenos
O programa complétase cunha oferta variada para o público familiar con espectáculos de teatro e monicreques para a cativada, que terán lugar na Alameda en horario de 12:00 e 18:00 h, e a obra "Páxaros no cabo" o venres ás 21 h no Pavillón das Fontiñas. Este ano, pequenos e maiores tamén poderán gozar coa tradicional comparsa de cabezudos que fará o percorrido habitual polas rúas do casco histórico compostelá o día grande das festas, o xoves

Por suposto, durante os días de duración das Festas, a Alameda volverá a acoller as populares atraccións para deleite dos máis pequenos.

Toda información do programa estará dispoñible desde hoxe na páxina web municipal e nas redes do Concello.

Direccións relacionadas



Compartir: