MOCIDADE

O 18 de maio ábrese a inscrición no "Campamento de verán de surf", destinado á mocidade de Compostela

12/05/2022 A concellaría de Mocidade organiza unha nova edición do "Campamento de verán de surf", destinado a menores de entre 14 e 17 anos, que se desenvolverá en Oleiros, entre o 1 e o 8 de xullo. Contará con 30 prazas, dez máis que o ano pasado. O prazo de inscrición comeza o vindeiro mércores, 18 de maio, e remata o 8 de xuño.

Este "Campamento de verán de surf" ten como obxectivos, segundo explicou na presentación o concelleiro de Mocidade, Rubén Prol, "prestar un servizo á cidadanía máis moza, e facilitar as relacións intepersonais entre eles a través de distintas actividades didácticas, deportivas e de lecer".

Trátase dun campamento relacionado co mar, onde se mestura a práctica dos deportes náuticos coa flora e fauna mariña. As actividades programadas organízanse en torno a diversos eixos temáticos como son o xogo, o deporte, a saúde e a calidade de vida, o coñecemento e a cultura, a conservación e o respecto pola natureza. Requiren, todas elas, dun esforzo físico constante debido á práctica continuada de actividades deportivas comosurf, snorquel, sendeirismo, kaiak, ou paddel board, entre outras.

O prezo por participante, que pasarán eses días de campamento no albergue de Santa Cruz, no concello de Oleiros, é de 120 euros. Por segundo irmán, ou familias numerosas, redúcese a 100 euros.

A preinscripción pode realizarse mediante o impreso que se subirá á web do concello de Santiago, debidamente cuberto, que se deberá entregar no Rexistro Xeral do Concello de Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: