CONSORCIO

Un libro coeditado polo Consorcio de Santiago e a editorial Andavira afonda na figura do prateiro compostelán Ricardo Martínez Costoya

04/04/2022 A obra de Ana Pérez Varela, gañadora do VI Premio de Ensaio Histórico "Domingo Fontán", foi presentada onte nun acto na sé da Real Sociedade Económica de Amigos do País que contou coa presenza do alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo.

O Consorcio de Santiago presentou onte un libro da autoría de Ana Pérez Varela pertencente á Biblioteca Científica Compostelana e coeditado coa editorial Andavira,no que se afonda sobre a vida de Ricardo Martínez Costoya, recoñecido ourive compostelán, que traballou a cabalo entre os séculos XIX e XX.

No acto de presentación, celebrado na sé da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago participou, xunto coa autora, o alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o reitor da Universidade, Antonio López; o presidente da Real Sociedade Económica, Francisco Loimil; a xerente do Consorcio Belén Hernández e a responsable da editorial Andavira, Lucila Ventoso.

Prateiro da Catedral
Baixo o título "El platero compostelano. Ricardo Martínez Costoya (1859-1927). Contexto, vida y obra" o libro representa o máis amplo estudo sobre este artista compostelán, no que se inclúen extensos e minuciosos métodos de investigación e contextualización do seu traballo, que se pode enmarcar no campo do eclecticismo.

A obra, foi gañadora do VI Premio de Ensaio Histórico "Domingo Fontán", que convocan a Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela e a Universidade de Santiago de Compostela.

O prateiro Ricardo Martínez naceu en Santiago no ano 1859, cidade na que levou a cabo principalmente o seu traballo. A maior parte da súa obra desenvolveuna realizando traballos de pratería para a Catedral, á que estivo vencellado durante 38 anos, entre 1886 e 1924.

Compartir: