ALCALDÍA

O Concello de Santiago anima a cidadanía a participar na III Festa do Banquete

01/04/2022 Tras dous anos de parón motivado pola pandemia, volve a Festa do Banquete á Carballeira de Conxo o 20, 21 e 22 de maio. O Concello de Santiago e a Comisión creada ao efecto está preparando un amplo programa de actividades para esa fin de semana e chaman á participación de toda a veciñanza nas distintas modalidades posibles. O programa completo darase a coñecer en vindeiras datas.

Como actrices e actores, como voluntarios na organización, cunha formación musical, vestidos de época ou simplemente asistindo a calquera dos eventos previstos, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, fixo hoxe un chamamento a toda a cidadanía para que participe na Festa do Banquete. Estivo acompañado na rolda pola coordinadora do programa, Cecilia Carballido, e pola presidenta da Asociación do Traxe Galego, Pilar Astray.

"Queremos que esta Festa do Banquete sexa o máis participativa posible, polo que convocamos aos barrios e colectivos da cidade a que participen activamente na festa histórica do Banquete, a festa da liberdade, da fraternidade e da igualdade", indicou o rexedor. Trátase dunha festa aberta a toda a cidadanía, aínda que cunha especial participación da veciñanza do barrio e daqueles "lugares que dalgún xeito tiveron relación histórica co antigo Concello de Conxo".

"Á comisión creada para o contraste e enriquecemento da proposta técnica de programación e para apoiar o desenvolvemento da festa integraranse novas persoas, membros de colectivos, asociacións, etc, vencelladas a estes novos lugares que comparten unha parte da historia común. A comisión decidiu na edición anterior ir incluíndo, ademais de a veciñas e veciños de Conxo, aos barrios do Castiñeiriño, Santa Marta, Pontepedriña, A Rocha e, nesta edición, a Laraño, para que persoas vinculadas ás artes e á creación, representantes de asociacións veciñais, culturais, sociais, educativas, comerciais e do campo da saúde poidan achegar a súa proposta para a Festa do Banquete", indicou a coordinadora do programa. Cecilia Carballido apuntou que "a intención é que nesta comisión se integren progresivamente todas aquelas persoas e colectivos dos barrios e parroquias con vontade de colaborar activamente na festa" e anunciou que xa se convocaron xuntanzas para o 4 de abril e o 2 de maio no Centro Sociocultural de Conxo.

A participación poderá artellarse de múltiples formas: veciñas e veciños que formen parte dos grupos de teatro amador da cidade poderán participar como actrices e actores extra na acción teatral que está a conformar Os Quinquilláns; calquera agrupación ou formación musical tradicional poderá sumarse ao Serán da Fraternidade o domingo 22 de maio na carballeira do Banquete de Conxo; calquera veciño ou veciña que así o queira poderá particpar vestido de época no desfile teatralizado do domingo 22 de maio entre a zona vella de Santiago e Conxo, así como asistir caracterizadas á posterior na carballeira. A Asociación do Traxe axudará na confección das vestimentas. "E por suposto toda a cidadanía será moi benvida a asistir como público ás múltiples actividades que se ofertan", engadiu Sánchez Bugallo. Todas as actividades culturais serán de balde.

Tamén se porá o foco en fomentar a participación das máis pequenas e pequenos, polo que xa se está en contacto cos centros de ensino para integrar o acto histórico do Banquete de Conxo no traballo nas aulas. Nesta liña, porase a disposición dos centros, unidades didácticas temáticas dirixidas a 5º e 6º de Educación Primaria e outras específicas para 1º e 2º da ESO que estarán dispoñibles a finais de abril. Os centros de ensino que desexen traballar este contido deben dirixirse ao Departamento de Educación do Concello de Santiago.

Ademais, o Departamento de Educación vai lanzar o I Certame de Brindes Poéticos "Banquete de Conxo" no que poderán participar alumnado de primaria, secundaria e bacharelato da cidade. Os brindes gañadores serán lidos o domingo 22 na Festa do Banquete e procederase á súa publicación. Tamén se están a organizar accións previas para que a rapazada e a mocidade poida ser protagonista na Festa do Pequeno Banquete no venres 20 de maio.

3º Mercado do Libro e da Artesanía

Entre as actividades a visitar atópase o Mercado de Artesanía que se celebrará os días 21 e 22 de maio na praza Aurelio Aguirre. Baixo a organización do Departamento de Comercio do Concello, este espazo acollerá expositores dos sectores do libro e da artesanía.

As persoas interesadas en expoñer os seus productos no mercado poderán inscribirse ata as 14:00 h do 17 de abril empregando este formulario. Tamén poderán propoñer actividades complementarias como recitais, breves presentacións literarias ou artísticas e similares. No caso de superarse o número de postos dispoñibles, a organización seleccionará os participantes por estrito orde de rexistro das súas solicitudes.

Para solicitar información complementaria, os potenciais expositores poden consultar as bases adxuntadas ou dirixirse aos correos electrónicos comercio@santiagodecompostela.gal e mercadobanquete@versalscq.com ou no teléfono 981555920.

Como podes participar?

- Se queres participar activamente, podes sumarte como actor ou actriz ás distintas accións teatrais ou mesmo colaborar na propia organización e preparación da Festa do Banquete. Escolle cal che presta máis. Para calquera desas opcións contacta co Centro Sociocultural de Conxo, no correo csconxo@santiagodecompostela.gal ou ben no teléfono 981528740.

- Podes colaborar como persoa voluntaria na Festa do Banquete. A Asociación Itinera xunto a veciños e veciñas de Conxo, están a estruturar unha rede de persoas voluntarias para organizar a Festa do Banquete. Se queres ser persoa voluntaria na festa contacta xa no csconxo@santiagodecompostela.gal ou ben no teléfono 981528740.

- O domingo 22 de maio haberá un Serán da Fraternidade aberto á música e ao baile tradicional. Acude co teu grupo de música ou baile.

- Ademais, podes vir vestido de época á Festa do Banquete. Nós axudámosche na confección da túa indumentaria. Se queres lucir un traxe tradicional, contamos co asesoramento e apoio da Asociación do Traxe Galego. Se prefires vir con outras vestimentas propias do século XIX (estudante, artesán/ana, obreiro/-a, fidalgo/a, crego...), impartiremos obradoiros de deseño de vestiario.

Centro Sociocultural de Conxo

- Obradoiro coa Asociación do Traxe Galego: venres de 18:00 h a 19:30 h (comezo o día 1)
- Obradoiro de deseño de vestiario de época: sábados a partir das 17h (comezo o día 2)

Centro Sociocultural de Santa Marta

- Obradoiro de vestiario: xoves de 16 a 18h con comezo o 7 de abril.

Tamén haberá sesións informativas sobre o traxe tradicional e vestiario de época nos centros socioculturais do Castiñeiriño, As Fontiñas, A Rocha, Pontepedriña e Laraño:

Centro Sociocultural do Castiñeiriño

- Venres 8 de abril de 17 a 18.30h: Sesión informativa Obradoiro de vestimenta de época

Centro Sociocultural da Rocha

- Luns 4 de abril ás 18.00h: Sesión informativa Obradoiro de vestimenta de época.

Centro Sociocultural da Pontepedriña

- Venres 8 de abril ás 19h: Sesión informativa Obradoiro de vestimenta de época

Centro Sociocultural das Fontiñas

- Xoves 7 de abril ás 18.30h: Sesión informativa Obradoiro de vestimenta de época

Centro Sociocultural de Laraño

- Sábado 2 de abril de 17.30h a 19h e de 19h a 20.30h: Sesións informativas de vestimenta tradicional e de época

Poderanse concretar outras sesións informativas para aquelas entidades (veciñais, culturais, etc ...) que o soliciten previamente.

Compartir: