MOBILIDADE

Asinado o convenio entre o Concello e Decathlon Santiago para a realización de actividades de formación en materia de seguridade viaria e a organización de eventos deportivos

19/03/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado do concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños, e do xefe da Policía Local, José Ramón Silva, asinou coa directora de Decathlon Santiago, Yael Andrea Girabel, un convenio para o desenvolvemento de actividades formativas no ámbito da seguridade viaria e a prevención de accidentes no relativo ao manexo e condución de bicicletas, na organización e colaboración da marcha ciclista escolar promovida polo Concello de Santiago e o Decabike, promovido por Decathlon.

Así, no marco deste convenio, o persoal da empresa de material deportivo impartirá charlas sobre a mecánica das bicicletas dirixidas aos escolares que asistan nas próximas semanas ás actividades de educación viaria organizadas pola Policía Local no Parque de Amio. Estas charlas terán lugar todas as mañás desde o 17 de marzo ata o 8 de abril, agás mércores, sábados e domingos.

Ademais, Decathlon comprométese a doar un lote de material deportivo formado por unha bicicleta de 24 pulgadas, 3 patinetes mid 5 e 3 skates play 120 para o programa "Colecamiños", iniciativa do Concello de Santiago pensada para que os nenos e nenas de educación infantil e primaria poidan acudir á escola de forma autónoma.

Ademais, ambas entidades comprometéronse a colaborar na organización da III Marcha ciclista escolar do vindeiro 12 de maio, do Decabike e das charlas programadas na semana da mobilidade europea.

A través deste acordo, o Concello pretende xerar sinerxias público-privadas a nivel local que permitan reforzar a promoción da seguridade viaria, a prevención de riscos, os hábitos de vida saudable e o medio ambiente.

Compartir: