MEDIO AMBIENTE

Últimas horas para votar polo Carballo de Conxo na axustada competición por ser a Árbore de Europa

28/02/2022 Hoxe, luns 28 de febreiro, ás 23:59 horas, rematará a votación internacional que elixirá á Árbore de Europa 2022, que aínda se pode votar a través da web do certame: www.treeoftheyear.org/Vote. Ademais, no marco da campaña #1Voto1Árbore esta mañá foron plantados outros 1.567 novos carballos, froito da colaboración do Concello con empresas locais que participaron activamente nesta campaña: Inserta da Fundación ONCE, Alda Hotels, Balidea, Clece ou Limpiezas Salgado. A día de hoxe, máis de 10.000 árbores autóctonas foron xa plantadas no marco desta campaña que prevé un total de 100.000 novas especies para o 2030.

Nesta última semana de concurso o número de votos de cada árbore foi secreto. Ata o último momento que foron públicos, o pasado lúns 21 de febreiro, o honroso candidato de Polonia, o Carballo Dunin, acumulaba 147.816 votos, e levaba a dianteira por algo máis de 17.000 votos ao noso candidato, o Carballo do Banquete Conxo, que naquel momento xa tiña 129.966 votos. No gráfico pódese comprobar a evolución dende o inicio das votacións.

A cousa está entre carballos, de iso xa non hai dúbida, xa que todos os demais opoñentes dos 16 países contrincantes están moi lonxe destes dous carballos. O terceiro da lista é o Alcornoque Grande de Portugal con 52.449 votos, que xa é unha distancia moi considerable respecto ao segundo.

Os resultados anunciaranse na cerimonia de entrega de premios o martes 22 de marzo en Bruselas, onde se fara público o resultado final desta axustada competición. Ata ese momento, secreto total, non se saberá cal é a Árbore de Europa 2022.

Nas redes socias xa se abriron porras para ver quen pode achegarse máis ao número de votos fianais, e a sensación maioritaria é que o Carballo de Conxo pode dar a sorpresa, hai moitas esperanzas de "sorpasso" nesta recta final.

Éxito da Campaña

O obxectivo do Concello de Santiago queda xa cumplido independentemente do resultado das votacións, ao simbolizar mediante esta popular candidatura a importancia de coidar o noso medio natural, e dos desafíos que aínda existen nesta área. Ademais de poñer en valor o impresionante patrimonio natural que atesouramos.

Numerosos foron os apoios recibidos ao longo do mes de febreiro. Importantes artistas como Tanxugueiras, Luis Tosar, Manolo Rivas, Carlangas de Novedades Carminha, Roberto Vilar, e moitos máis, unidos para movilizar aos seus seguidores a votar polo Carballo do Banquete de Conxo.

Sen dúbida o actor compostelán Luis Zahera tivo gran parte do mérito, grazas ao divertido vídeo que protagonizou e que correu como a pólvora nas redes sociais.

Incluso en programas de éxito nacionais, como "La Resistencia" onde David Broncano xunto a Luis Zahera fixeron campaña para pedir directamente o voto polo noso carballo.

E moitos outros programas de televisión de gran audiencia como como Zapeando, Tu tiempo con Roberto Brasero, os informativos de Telecinco e LaSexta, España Directo, Mejor Contigo, Land Rover, Quen anda aí?... E incluso nas ondas radiofónicas tamén tivo espazo en "A vivir que son dos días" con Javier del Pino, "Hoy por hoy" con Carles Francino ou "Julia en la onda" de Julia Otero, estiveron volcados con amplias reportaxes sobre o noso carballo.

100.000 novas árbores autóctonas

No marco da campaña #VotaCarballo, o Concello de Santiago está levando a cabo unha serie de iniciativas co obxectivo de pór en valor e incrementar os espazos naturais cos que xa conta a capital de Galicia, contando coa implicación de colexios, institutos, empresas… Esta mesma mañá, o alcalde de Santiago, Xosé S. Bugallo, a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, e o concelleiro de Medio Rural, José Manuel Durán, foron testemuñas da plantación de 1.567 novos carballos, froito da cooperación do Concello de Santiago coas empresas que participaron activamente nesta campaña: Inserta da Fundación ONCE, Alda Hotels, Balidea, Clece ou Limpiezas Salgado.

A día de hoxe o reto ambiental está cumplido: máis de 100.000 novas árbores senlleiras plantaranse no Concello de Santiago de aquí a 2030, de feito máis de 10.000 novas árbores senlleiras xa foron plantadas ata o momento no Concello de Santiago.

Compartir: