CENTROS SOCIOCULTURAIS

O alumnado do Rodríguez Xixirei participa no programa "Do Des-Equilibrio á Des-Carbonización"

25/02/2022 O concelleiro de Educación e Mocidade, Rubén Prol, visitou o colexio Rodríguez Xixirei, de Lavacolla, onde un grupo de 19 alumnos e alumnas participou nun obradoiro do programa "Do Des-Equilibrio á Des-Carbonización". Un proxecto que pretende abordar simultaneamente as crisis sanitarias e climáticas nas que nos atopamos a través dunha proposta educativa interxeneracional na que conxugar as necesidades e intereses da mocidade e a terceira idade.

Neste programa, que desenvolve o concello de Santiago a través das concellarías de Centros Socioculturais, Medio Ambiente e Educación e Mocidade, participan un centenar de persoas. Con estes obradoiros búscase desenvolver unha intervención que mestura a educación emocional coa educación ambiental, traballando conxuntamente para axudar aos máis novos a manexar a nova normalidade, e aos maiores a poñer en valor o seu papel na sociedade.

Este proxecto está a desenvolverse nos Centros Socioculturais José Saramago, de Vite, coa participación do grupo de memoria e do clube mozo; o CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, con 6º de primaria, e o grupo de mulleres do LSC de Lavacolla. Até o de agora, as sesións desenvolvidas realizáronse cos grupos por separado de-mocidade e terceira idade. Está previsto que o traballo interxeracional comece a finais do mes de marzo.

Alén das aprendizaxes mútuas que poidan xurdir nas sesións conxuntas, o proxecto busca que o grupo interxeracional sexa quen de poñer en marcha unha iniciativa na súa contorna coa que poder sensibilizar á veciñanza nas conexións entre as crises climática e sanitaria e, sobre todo, na necesidade de articular respostas conxuntas e colectivas para enfrontar os retos presentes e futuros da nosa sociedade.

Compartir: