DEPORTES

O Multiúsos do Sar acolle esta fin de semana o arranque da Liga Nacional infantil de Karate coa participación de case 700 nenos e nenas de toda a xeografía española

20/01/2022 A concelleira de Deportes e Benestar Animal, Esther Pedrosa, acompañada do presidente da Federación Galega, Óscar de la Fuente, e o presidente da Federación Española de Karate, Antonio Moreno, presentaron a Liga Nacional de Karate, cuxa primeira fase se desenvolverá no Multiúsos Fontes do Sar o 22 e 23 de xaneiro. 648 nenos e nenas de entre 6 e 13 anos, pertencentes a 18 federacións autonómicas competirán polos títulos nas diferentes categorías.

A concelleira Esther Pedrosa amosouse "moi satisfeita" de que Santiago poida acoller este evento deportivo e recibir este importante número de participantes, xa que asistirán "non só os nenos, senón tamén as súas familias". Tamén recordou que na nosa cidade hai "moita presenza do karate, un deporte que sempre foi e sigue sendo unha canteira de igualdade, de valores humanos e sociais".

A edil explicou que a Liga Nacional de Karate é unha competición que se desenvolve en tres fases, dúas de carácter clasificatorio e unha final, á que só acceden os 8 primeiros clasificados do ranking da Liga Nacional, tras a disputa das dúas fases previas. Así, Santiago acollerá este fin de semana a primeira fase do circuíto nacional nas categorías benxamín, alevín, infantil e xuvenil que será seguida por unha segunda fase que terá lugar en Ávila, o 5 e 6 de novembro de 2022. A competición final terá lugar de novo en Galicia, en concreto en A Coruña, do 16 ao 18 de decembro de 2022.

Nesta primeira fase da Liga Nacional Infantil 2022, está previsto que participen 648 deportistas: 383 Liga Masculina e 265 na Liga Feminina Iberdrola. Con idades comprendidas entre os 6 e 13 anos, os participantes forman parte de 104 clubs de toda España que pertencen a 18 federacións autonómicas. A eles súmanse 45 árbitros, e 30 persoas da organización.

Información práctica

A competición celebrarase este sábado 22 de xaneiro en horario de 13:00 h a 20:00 h, e o domingo 23 de 09:00 h a 13:30 h. Estará permitida a presenza de público no Multiusos do Sar, e a entrada serád e balde. Tamén se poderá seguir en directo a través da canle de YouTube da Real Federación Española de Karate. Ademais tamén se poden seguir os resultados da competición a través de www.karatescoring.com, plataforma web coa que a RFEK xestiona as súas competicións.

Compartir: