COMERCIO

O Concello acorda a posta en marcha dos Bonos Corazón San Pedro cos comerciantes do barrio

12/01/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Festas, Gonzalo Muíños, mantiveron esta mañá un encontro cos representantes dos comerciantes do barrio de San Pedro-Concheiros para pechar os últimos detalles sobre a nova campaña de bonos ao consumo para impulsar o comercio e a hostalería local.

Durante a xuntanza, o alcalde informou os comerciantes sobre a intención do Concello de poñer en marcha a convocatoria de bonos ao consumo "Corazón San Pedro" a finais de febreiro, coincidindo coas festas do Entroido. Unha vez aberta, as persoas consumidoras poderán facer uso dos bonos durante un prazo de tres meses nos comercios e establecementos de hostalería das zonas de Concheiros, San Pedro, Bonaval, Angustias, Home Santo, Rodríguez de Viguri, entre outras.

Xosé Sánchez Bugallo tamén transmitiu aos comerciantes que contarán co apoio do Concello para as actividades dinamizadoras e de promoción da campaña, así como para a busca de posibles solucións que faciliten o estacionamento dos vehículos durante o desenvolvemento da iniciativa.

Compartir: