TURISMO

Santiago acolle un proxecto pioneiro que emprega o uso da tecnoloxía 5G para mellorar a experiencia do viaxeiro e fomentar o turismo

11/01/2022 Grazas ao proxecto piloto centrado no desenvolvemento destas tecnoloxías no que participou Santiago, as persoas que visiten a cidade poderán gozar de todo o seu atractivo turístico, con contido adicional transmitido en tempo real, utilizando lentes de realidade aumentada.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, asistiu á demostración dun piloto 5G, desenvolto por Orange, Ericsson e Visyon para o Concello de Santiago, que abre as portas a novas posibilidades de coñecer os puntos máis emblemáticos da cidade utilizando a realidade aumentada de maneira presencial e a realidade virtual desde calquera punto do mundo.

No acto de presentación, o rexedor agradeceu que "Santiago e a praza do Obradoiro fosen escollidos para este piloto" que se enmarca dentro do "Plan Nacional 5G" e mostrouse convencido de que a aplicación destas novas tecnoloxías "será moi útil para seguir promocionando a cidade entre os visitantes e para dar visibilidade a outros puntos da Santiago menos coñecidos".

Durante a presentación, púidose visualizar en tempo real e desde distintos lugares con cobertura 5G, a fachada da praza do Obradoiro en toda a súa amplitude, grazas ás distintas cámaras 360º situadas en lugares destacados dese punto clave do turismo da cidade.

Ademais, grazas ás lentes de realidade aumentada, os asistentes puideron desfrutar na mesma praza da Obradoiro dunha experiencia inmersiva que permite acceder a información adicional sobre a contorna e a súa historia.

O acto contou tamén coa asistencia de Mar Pereira, directora de AMTEGA, Óscar Aragón, manager da Zona Norte RRII de Orange e Francisco Javier García Vieira, director de Servizos Públicos Dixitais de Red.es.

Unha nova realidade dixital enriquecida

Esta experiencia pode ser un primeiro paso para adaptar as experiencias turísticas á nova realidade dixital e aos novos dispositivos tecnolóxicos, que aumentarán exponencialmente as posibilidades de oferta de contido virtual e inmersivo tanto para o turista como para a cidadanía. Así, grazas á superbanda ancha asociada ao 5G, poderanse descargar grandes cantidades de información a gran velocidade e interactuar de forma virtual e en tempo real debido á baixa latencia da tecnoloxía.

A aplicación do 5G na cidade permitirá xeralizar o uso de aplicacións de realidade virtual, 360°, internet das cousas ou intelixencia artificial, permitindo ofrecer novas experiencias turísticas inmersivas e personalizadas.

Esta iniciativa enmárcase no Plan Nacional 5G, o programa para o desenvolvemento de proxectos piloto de tecnoloxía 5G que executa a entidade pública empresarial Red.es, impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Digital e cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: