DEPORTES

Concello de Santiago, USC, Deputación da Coruña e Xunta suman esforzos na renovación da pista de atletismo universitaria

23/12/2021 O Concello de Santiago de Compostela xunto coa USC, a Deputación da Coruña, e a secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia presentaron este xoves 23 o convenio de cooperación dotado con preto de medio millón de euros para a renovación e o acondicionamento das instalacións de atletismo do estadio universitario, cuxa última pavimentación data do ano 1998. Está previsto que as obras rematen no primeiro trimestre de 2022.

No acto de presentación do acordo tomaron parte o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, o reitor Antonio López, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; e o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa. Todas as institucións coincidiron en manifestar a súa satisfacción ante a consecución dun acordo que, tal e como subliñou o reitor, entronca directamente coa misión da universidade de "poñer as súas capacidades ao servizo da cidadanía no seu conxunto" xa que "temos o enorme privilexio", continuou Antonio López, de dispor dunha Universidade "implantada no centro da cidade".

"Santiago non sería o que é sen a súa Universidade", afirmou o alcalde Xosé A. Sánchez Bugallo ao lembrar como a USC "cubriu durante moitos anos o déficit de instalacións deportivas" en Compostela. "Este é un estadio de referencia en toda España", dixo, con múltiples actividades que van máis alá do atletismo. González Formoso reivindicou, pola súa parte, a importancia de "formarse facendo deporte". Neste senso, o presidente da deputación provincial destacou que retos como este contribúen a "garantir a calidade de vida das persoas". José Ramón Lete Lasa destacou, pola súa banda, "o número inxente de atletas" que teñen pasado por esta pista que "tanta historia leva consigo".

Novo pavimento
A colocación dun novo pavimento centrará os traballos de actualización deste espazo da Universidade que consta dun anel de carreiras de 400 metros de corda e oito rúas. O tipo de obra que se proxecta tamén contempla o marcado e sinalización para a correspondente homologación federativa tal e como establece a Real Federación Española de Atletismo.

Compromiso coa cidadanía
O estadio de atletismo da USC que alberga a pista obxecto do convenio abrangue catro tipos de uso dirixidos tanto á propia comunidade universitaria como á cidadanía no seu conxunto. Así, ademais das escolas deportivas impulsadas polo Servizo de Deportes universitario que se desenvolven en diferentes lugares do estadio, este espazo universitario acolle tamén na súa pista, a práctica do deporte federado a través de clubes, a práctica libre con independencia de que se trate de deportistas federados, así como a cesión de uso para clases ou preparación de probas.

A USC reitera con este acordo o seu compromiso á hora de facilitar o uso da pista de atletismo para o adestramento de deportistas federados/as, designados e acreditados polo Concello de Santiago de Compostela. Ademais, a institución compostelá cederá o uso das infraestruturas en horario extraordinario para a celebración de competicións atléticas promovidas por clubes locais de acordo cos requirimentos establecidos no convenio.

Así mesmo, cederase o uso do estadio para competicións atléticas impulsadas pola Deputación da Coruña, alén de facilitar o uso gratuíto da instalación para todas aquelas competicións deportivas oficiais organizadas ou promovidas pola Secretaría Xeral para o Deporte, previa sinatura dun convenio de colaboración entre ambas institucións que regule os aspectos específicos destas actuacións. Ademais, comprométese a favorecer e facilitar a celebración de competicións deportivas de carácter oficial impulsadas polas distintas federacións deportivas de Galicia.

Compartir: