TURISMO

Santiago promociónase en Barcelona como destino de turismo de reunións

29/11/2021 O Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB) manterá máis de 35 reunións con organizadores de encontros profesionais no IBTM World, entre o 30 de novembro e o 2 de decembro.

Turismo de Santiago, a través do seu servizo para a promoción da cidade como destino de Congresos e encontros profesionais, o Santiago de Compostela Convention Bureau, participa na Feira Internacional IBTM World, un dos principais encontros profesionais da industria MICE, que se celebra en Barcelona entre o 30 de novembro e o 2 de decembro.

IBTM World reúne cada ano a unha comunidade global duns 3.000 proveedores e máis de 15.000 profesionais da industria de preto de 100 países de todo o mundo, que teñen a oportunidade de coñecerse e establecer relacións comerciais a través dun sistema de encontros individuais concertados previamente. No 2019 celebráronse 74.000 reunións programadas. O ente captador de eventos para Santiago de Compostela acude un ano máis á cita como co-expositor de Turismo de Galicia, dentro do stand de Turespaña.

Na axenda de citas de traballo do Santiago de Compostela Convention Bureau hai máis de 35 reunións confirmadas con axencias, empresas e asociacións profesionais de, entre outros, España, Italia, Francia, Bélxica, Alemaña e Polonia. Estas entidades coas que vai manter encontros o SCCB adícanse a organizar reunións e conferencias, viaxes de incentivo, viaxes de luxo e convencións ou congresos.

Compartir: