ALCALDÍA

A Xunta de Goberno aproba o convenio para a renovación e acondicionamento da pista do Estadio de Atletismo do Campus Vida

26/11/2021 A Xunta de Goberno local, en sesión extraordinaria celebrada hoxe, aprobou o convenio de cooperación entre a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, o Concello de Santiago de Compostela, a Deputación Provincial da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela para a renovación e acondicionamento da pista do Estadio de Atletismo situada no Campus Vida.

O executivo aprobou tamén o gasto que lle corresponde á entidade municipal por valor de 148.728, 60 euros. O orzamento global para o acondicionamento da pista ascende a 495.761 euros, actuación que ten por obxectivo que "poidan seguir entrenando e competindo os nosos atletas tanto universitarios como non universitarios", sinalou o rexedor.

Na comparecencia ante os medios, Sánchez Bugallo fixo referencia a outros asuntos, entre eles, a aprobación polo Pleno no día de onte do inicio do procedemento para a constitución dunha sociedade mercantil de actividade urbanística. O rexedor salientou o papel que xogou a súa antecesora, Emuvissa, no pasado: "entre 2000 e 2011 promoveu a elaboración e elaborou os plans parciais de 16 polígonos, 13 de solo industrial e 3 de vivenda; materializou a expropiación deses polígonos e promovou a construción de 2499 vivendas protexidas e 2804 vivendas libres; e o polígono de Costa Vella". Segundo indicou Sánchez Bugallo, "o orzamento de 2022 leva unha cantidade prevista (de 120.000 euros) para a constitución da sociedade", que agarda se produza en 2022.

Bonos Corazón
Sobre a marcha dos Bonos Corazón, o alcalde amosou a súa satisfacción por como está evolucionando a campaña: "ao principio ía máis lentamente, pero agora vai de forma extraordinaria", apuntou. A día de hoxe descárgaronse 13.899 bonos, o que supón un importe total de 934.150 euros. "Conto que hoxe e mañá serán días excepcionais", engadiu e sinalou a satisfacción dos comerciantes polo perfil dos compradores: "os principais usuarios son xente nova que deixara de comprar no comercio local".

Sánchez Bugallo tamén lembrou que xa se están pagando as axudas ao comercio local da última convocatoria: 1’7 millóns para 483 comercios.

Documentos relacionados



Compartir: