TURISMO

Santiago confirma a súa consolidación turística, con récord de turistas internacionais en outubro

25/11/2021 Os datos do Instituto Nacional de Estadística confirman a recuperación turística da capital galega, superando a cifra de pernoctacións do mes de xullo.

O dato de pernoctacións de turistas internacionais publicado polo Instituto Nacional de Estadística (INE) vén de confirmar a recuperación deste mercado, con máis de 50.000 pernoctacións de estranxeiros o mes pasado. Trátase da mellor cifra dende que comezou a pandemia. Ademais, o dato é superior ao do mes de outubro do Ano Santo de 2010.

Así mesmo, os establecementos hoteleiros da cidade alcanzaron no pasado mes de outubro o seu máximo histórico de pernoctacións de turistas españois, con 89.947, segundo os datos do INE. Dende o Ano Santo de 2010 non se acadaba unha cifra tan alta de visitantes nacionais nun mes de outubro.

Os datos de pernoctacións de turistas do INE confirman a recuperación da demanda turística da cidade, cun ritmo substancialmente máis acelerado que no conxunto de España, achegándose aos niveis previos á Covid-19. Santiago tivo un total 140.270 pernoctacións no pasado mes.

Esta recuperación máis rápida da demanda turística en Santiago pode comprobarse tamén analizando os datos do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, onde se atopan cidades con características similares. Santiago foi a cidade con maior número de pernoctacións, cunha ampla marxe con respecto ás demais. Tras Santiago, sitúanse Córdoba, con 131.537, Salamanca, con 97.124, e Toledo, con 78.277.

Os datos de pernoctacións de outubro van na mesma liña que os datos que se conseguiron no aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro neste mes, cando se alcanzaron os 235.000 pasaxeiros en outubro, cunha importante recuperación do tráfico. Estes datos amosan unha consolidación da tendencia rexistrada ao longo do verán, cando o noso aeroporto foi a terminal peninsular con mellor comportamento da rede de Aena con respecto ao 2019.

Estas cifras confirman as previsións de Turismo de Santiago, que estimaban unha forte recuperación do turismo español nos meses centrais de verán. O turismo internacional, que estaba vivindo un crecemento moi importante nos anos previos á Covid-19, terá unha recuperación máis acompasada á evolución da pandemia nos diferentes países.

Compartir: