EMPREGO

A nova edición de Talentia Summit 2021 comezará o 15 de novembro

29/10/2021 Talentia Summit 2021 estende a súa duración desde o 15 ata o 26 de novembro cun formato híbrido: tanto presencial como online. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado polo técnico de Emprego, Xavier Ferreiro, deu conta dos detalles desta edición en rolda de prensa.

Como xa é habitual, Talentia Summit regresa durante o último trimestre do ano coa súa edición 2021. A maior feira de talento e emprego estatal presenta unha ampla proposta de formación, ofertas laborais e unidades de desenvolvemento profesional con máis de 15.000 de prazas dispoñibles en diferentes actividades para potenciar o talento das persoas participantes.

"Impulsando o talento, innovando na sustentabilidade" é o lema deste ano, tras unha pasada edición marcada pola pandemia Covid-19 co obxectivo de "superar a incerteza" que foi, non obstante, "un éxito con máis de 45.000 participantes, fronte aos 1.500 do ano anterior", como sinalou Sánchez Bugallo. Neste 2021 Talentia mantén o formato mixto, cunha feira virtual e un foro presencial, cargados de moitas novidades.

A feira continuará sendo virtual e comezará o 15 de novembro, pero alongará a súa duración durante dúas semanas, ata o venres 26 de novembro. O evento transcorrerá de forma virtual na web talentiasummit.com.

Ofrecerá ás persoas usuarias acceso gratuíto aos stands virtuais de máis dun cento de empresas con procesos de selección abertos, reserva directa de entrevistas con videochamadas, acceso a centos de ofertas de emprego, unha gran variedade de cursos de formación, certificados oficiais en competencias dixitais e idiomas, webinars e unha unidade de desenvolvemento profesional. Xavier Ferreiro animou os interesados a "estar atentos ao portal web porque xa se están subindo contidos".

O Foro inaugural de Talentia contará coa presenza da ministra de Educación e Formación Profesional e do presidente da Xunta
Tras as edicións de 2019, cun Auditorio de Galicia cheo, e un 2020 con todo o público seguindo o evento por streaming, o Foro Talentia 2021 celebrarase o 18 de novembro en horario de mañá no Auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Será unha xornada con formato presencial, onde a seguridade estará reforzada implementando todas as medidas de hixiene necesarias para garantir a súa correcta celebración.

O Foro Talentia 2021 contará coa presenza de Pilar Alegría, ministra de Educación e Formación Profesional; do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; e do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e, como cada ano, contará coa participación de empresarios/as e profesionais especializados en ciencia, tecnoloxía, enxeñería, matemáticas, educación, márketing, recursos humanos e economía máis relevantes en España, e especialmente en Galicia. Tampouco faltarán as artes escénicas e o talento artístico.

Proximamente, abriranse as reservas para poder acudir de forma presencial ao evento, que tamén se poderá seguir por streaming. En pasadas edicións, este Foro de Conferencias Estratéxicas contou con referentes de captación de talento como Paul Tran - Director de persoas e tecnoloxía de Hijos de Rivera-, Miguel Ángel Ruiz - Innovation Senior Manager de Samsung España-, Sonia Mulero - Directora da Fundación Banc Sabadell-, María José Alonso - Catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago e adscrita ao CiMUS- e Joaquín " Kin" Martínez - Director do festival "O Son do Camiño", Margarita Álvarez - CEO WfH, expresidenta do Instituto Coca-Cola da Felicidade entre outros moitos.

Nas próximas semanas anunciaranse os relatores que participarán nesta nova edición. Tamén outros detalles e novidades da feira virtual, así como a apertura de inscricións para as diferentes actividades disponibles.

Direccións relacionadas



Compartir: