IGUALDADE

O documental "A vida conta" retrata a vida das mulleres do rural compostelán durante a pandemia

27/10/2021 A peza gravouse entre marzo de 2020 e o verán de 2021 e proxectarase o venres 5 de novembro ás 17h no centro sociocultural de Busto e o mércores 10 de novembro ás 19h na Casa Xohana Torres. Despois, poderá verse de xeito libre e gratuíto nas redes sociais de Compsotela, Territorio das Mulleres

O 13 de marzo de 2020 pechou todo por mor da crise sanitaria provocada pola Covid19. Pecharon as escolas e a maioría dos espazos de traballo e tamén pecharon os centros socioculturais do rural compostelán, tan só uns días antes do encontro entre parroquias que as mulleres do rural levaban meses organizando.

O documental "A vida conta" arrinca eses últimos momentos antes da corentena e remata máis dun ano despois, no verán de 2021, cando as mulleres puideron celebrar -por fin- o seu agardado encontro entre as parroquias. A través das testemuñas de Maruja de Busto, Esperanza e Fina de Laraño, Elena de Marantes ou Pilar de Figueiras, a peza audiovisual retrata a vida das mulleres valentes do rural estes longos meses de pandemia. E, nese seu relato, tece moitos outros.

A vida conta fala da felicidade recuperada décadas máis tarde. "Quen é a máis libre de todo este grupo?" pregunta en marzo de 2020 mirando a cámara Fina de Laraño. E contesta rapidamente: "Eu! Hai anos que non era. 52 anos que era unha escrava, pero agora son libre. Libre para sempre. E moi feliz". A corentena foi demoledora para ela, ao arrebatarlle esa felicidade recentemente recuperada nas actividades do centro sociocultural. "Sufrín moito coa pandemia, na casa encerrada", recoñece, "pero espero que quitemos a careta pronto e empecemos a vivir máis libremente". "A min o que me falta son apertas das amigas, das compañeiras" di sorrindo animada á cámara.

O documental vai tecendo relatos de medos, propios e alleos, de pasatempos, de contas e de memorias. Relatos, sobre todo, de soidade. Momentos nos que parecía que chegara "a fin do mundo" e unha certa consciencia de que a vida estaba cambiando para sempre. "Estabamos metidas en tantas cousas, que non nos quedaba tempo de pensar se eramos felices ou non", explica Elena de Marantes, "pero, de repente, quitáronnos todo de golpe e non houbo máis ximnasia, máis xogar unhas cartas ou saudar unha veciña para ver como estaba". Foi unha etapa moi dura para todas elas e agora danse conta de que, como di a mesma Elena, se adaptaron "outra vez a quedar na casa, a que da igual todo".

A técnica municipal María Pose sinala que, en efecto, "a pandemia fixo que se repregaran de novo e que se volveran pechar" e "cando te acomodas a unhas dinámicas é difícil rompelas", advirte. É fundamental sobrepasar esas dinámicas e medos, porque son "moi restritivas emocional e mentalmente", principalmente, "porque a alternativa é case sempre estar soa". "Temos algún centro no que é moi difícil chegar á xente e que participe", recoñece Pose.

Elena de Marantes ten claro que "moitas cousas teñen que volver cambiar" e que as mulleres do rural teñen que pensar que "aínda tivemos sorte, que quedamos". "Porque", conclúe, "outros moitos non o poden contar e nós imos recordar un pouco do que nos quedou sen facer, con ilusión".

"As mulleres xuntas somos máis fortes e para ser feliz é preciso tecer redes e estar acompañadas e acollidas nun espazo vertebrador no que non nos sintamos xulgadas e poidamos abrazarnos e axudarnos", afirma María Pose. Neste caso, ese lugar común para todas é o centro sociocultural das súas parroquias.

A vida conta proxectarase o venres 5 de novembro ás 17h en Busto e o mércores 10 de novembro ás 19h na Casa Xohana Torres. Despois, poderá verse de xeito libre e gratuíto nas redes sociais de Compsotela, Territorio das Mulleres.

Direccións relacionadas



Compartir: