ACCIÓN CULTURAL

Música e natureza combínanse no proxecto "Electrofauna. A vibrante chamada do bosque como latexo electrónico", que se desenvolve ata o domingo en Santiago

22/10/2021 Desde hoxe e ata o domingo, 24 de outubro, celébrase en Santiago de Compostela "Electrofauna. A vibrante chamada do bosque como latexo electrónico", un proxecto cultural novidoso e vangardista que plantexa distintas actividades ambientais combinadas con sesións musicais que parten da música electrónica e vanse mesturando con sons da fauna e a videocración. Esta mañá presentárono, en rolda de prensa, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; e a xestora cultural e coordinadora de Electrofauna, Mónica Mejías. Os convites para apuntarse nas distintas actividades están dispoñibles na web entradium.com

A programación músical deseñouse co obxectivo de crear atmósferas que mergullen ás persoas participantes na natureza, que as identifiquen coa contorna; sentíndose parte dela e desfrutándoa cos cinco sentidos. Segundo sinalou Mónica Mejías, as entradas para as sesións musicais de Cora Novoa, Ortiga, e Russinha xa están esgotadas. Pero para Klick & Frik, Pálida, e para Yuraq Walla, aínda hai convites dispoñibles.

Ademais da programación musical, en Electrofauna tamén teñen cabida as visuais de Nomeí Parga, Bruswillis e Yuraq Walla. O programa de Electrofauna, promovido por Correveydile, complétase con distintas actividades ambientais, como unha xincana por un parque de Compostela, en contacto coa natureza; un roteiro interpretativo polo monte Pedroso, o próximo domingo, no que se van efectuar rexistros sonoros dos diferentes hábitats; e unha charla nunha ubicación segreda, que se desvelará ás persoas interesadas a través de correo electrónico.

Segundo sinalou Mercedes Rosón, "para o concello de Santiago é unha satisfacción poder colaborar nun proxecto tan novidoso como Electrofauna". Un proxecto, continuou, "que busca, a través da súa programación, o fomento de valores e accións coas que nos identificamos totalmente; como fomentar a integración da perspectiva e da igualdade de xénero, poñer en valor o patrimonio da cidade, divulgar o coñecemento sobre a nosa fauna e flora autóctonas, difundir a lingua galega e levar as accións culturais ao ámbito rural e aos barrios compostelanos mediante a realización de actividades fóra do Ensanche e o casco histórico.

A concelleira de Acción Cultural recordou que Electrofauna foi unha das iniciativas beneficiarias das axudas ao sector profesional, e convidou á cidadanía a participar nas distintas actividades dun proxecto que Mónica Mejías describiu como "arriscado, experimental, vangardista, innovador e transversal, que intenta ligar a natureza, a nosa contorna, con conceptos artísticos, intentando explorar a faceta máis creativa dos nosos artistas".

Direcciones relacionadas



Compartir: