CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Centro sociocultural de Conxo celebra o venres e o sábado unha nova edición das Xornadas micolóxicas

21/10/2021 Chegan un outono máis as Xornadas Micolóxicas do Centro Sociocultural de Conxo, que este ano se celebrarán o venres 22 e o sábado 23 de outubro. Haberá dúas conferencias, a tradicional ruta para a recollida de cogomelos e un paseo micolóxico polo Banquete de Conxo.

Hai xa anos que o Centro Sociocultural de Conxo iniciou as súas Xornadas Micolóxicas xunto cuns afeccionados e micólogos próximos ao barrio. Durante estas edicións constatouse o crecente interese pola micoloxía, polo que o CSC quere seguir informando sobre a función que os fungos cumpren na natureza para a súa posta en valor. Para iso cóntase coa colaboración da Asociación Micolóxica Pan de Raposo, que vén colaborando dende hai tempo neste proxecto.

Nesta ocasión terá lugar unha conferencia o propio venres e, xa o sábado, unha ruta micolóxica ao Pedroso e, pola tarde, charla e paseo polo Banquete de Conxo. Hai límite de prazas, polo que é preciso inscribirse previamente tanto para a ruta como para o paseo micolóxico no 981 528 740.

PROGRAMA
Venres 22
20.15h
Conferencia: Cogomelos nas praias por José Manuel Castro Marcote
Presidente da Asociacion Micolóxico-naturalista Pan de Raposo.

Sabado 23
9.30h
Ruta Micolóxica ao Pedroso (saída desde o Centro Sociocultural de Conxo)

17h
Paseo Micolóxico polo Banquete de Conxo

19.30 h
Charla-Cogomelos do paseo do Banquete de Conxo con Jose María Costa Lago da Asociación Micolóxico-Naturalista Pan de Raposo

Compartir: