URBANISMO

A zona de Galeras contará con 67 novas vivendas

18/05/2005 O reitor da USC, Senén Barro; o alcalde do Concello de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o director xeral de Caixa Galicia, José Luís Méndez López; o director xeral do Instituto galego de Vivenda e Solo da Consellaría de Ordenación do territorio, José Antonio redondo e o arquitecto, César Portela, presentaron a primeira fase de renovación urbanística da zona de Galeras, onde se emprazaba o vello Hospital Xeral e na que se promoverá a construción e comercialización dun edificio de dúas plantas de sótano, planta baixa, cinco plantas e aproveitamento de baixo cuberta, que aloxará 67 vivendas, ademais de garaxes, trasteiros e locais comerciais.

Sánchez Bugallo amosouse satisfeito durante a presentación da primeira fase de renovación urbanística da zona de Galeras, posto que, segundo manifestou, "foi un proceso que xa a priori parecía complicado, e conforme avanzaba descubríanse novas dificultades".

A edificación que se presenta e que se construirá cun proxecto do arquitecto César Portela, ten un prazo de execución de 22 meses e a súa comercialización comezará en xuño deste ano. O total da superficie residencial construída será de 6.959,88 metros cadrados, mentres que a edificabilidade comercial acada unha superficie total de 884,184 metros cadrados.

Na operación de renovación urbana de Galeras cooperan, dunha parte, o Concello de Santiago e a Xunta, que promoveron o cambio de uso e de ordenación da zona para facer a viabilidade económica, mentres que o Instituto Galego da Vivenda e Solo e Xestur Coruña orientaron á Universidade para o desenvolvemento do proceso.

En opinión do alcalde compostelán, "esta peza de catro ou cinco hectáreas, importante dentro do casco histórico, completa ese segundo perfil da cidade histórica, e serve de transición entre o casco histórico e a bagoada do Sarela e a falda do monte Pedroso".

Á revitalización desta zona, colindante co centro histórico de Santiago, ao diminuír a intensidade edificatoria do Hospital Xeral, engádense os novos usos que terá: residenciais, socio-comunitarios, administrativos, sanitarios e comerciais, e unha maior integración co casco vello coa apertura dun novo vial entre as rúas Carretas e Galeras. Deste xeito, indicou Sánchez Bugallo, "nesta peza quedan resoltos moitos problemas e configuradas moitas necesidades do casco histórico".

Compartir: