MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

Recepción a un grupo de bombeiros do CEIS de Murcia, que peregrinaron desde Cartaxena para recaudar fondos a favor dos menores con cancro

12/10/2021 O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, recibiu hoxe a un grupo duns 30 bombeiros do CEIS (Consorcio de Extinción de Incendios e Salvamento) da comunidade autónoma de Murcia, que percorreron o Camiño de Santiago desde Cartaxena, coa finalidade de recaudar fondos para AFACMUR, a Asociación de Familias de Nenos con Cancro da Rexión de Murcia.

Os membros do CEIS saíron de Cartaxena o pasado venres. Fixeron máis de mil quilómetros en bicicleta, por relevos, e sen parar durante estes catro últimos días. Na Praza do Obradoiro esperábaos, para darlle a benvida, unha dotación dos bombeiros de Santiago, que quixeron aportar o seu gran de area a este reto deportivo e solidario, no que tamén colaborou a Polícía Local.

AFACAMUR constituiuse o 19 de decembro de 1995; e atende a todos os menores entre 0 e 18 anos con diagnóstico de cancro da comunidade autónoma de Murcia. Trátase dunha asociación sen ánimo de lucro, que en febreiro de 2008 foi declarada como entidade de utilidade pública. Forma parte da Federación Española de Pais de Nenos con Cancro, composta por 21 entidades.

Compartir: