SEGURIDADE CIDADÁ

Protección Civil de Santiago doará distinto material técnico aos seus compañeiros da illa da Palma

04/10/2021 Protección Civil de Santiago de Compostela ten previsto enviar nas próximas horas a La Palma unha doazón de 14 caixas con 180 quilos de material técnico destinado aos compañeiros de Protección Civil da illa. Entre ese material figuran chaquetas de traballo, máscaras ou botas.

A solicitude de colaboración chegou a través da Asociación Nacional de Agrupacións e Asociacións de Voluntarios de Protección Civil de España. Foi a través dunha comunicación na que sinalan que, nas localidades máis afectadas pola erupción do volcán de "Cumbre Vieja", teñen "bastantes necesidades de material técnico" para o desenvolvemento do seu cometido.

A axuda componse de 20 pares de botas de seguridade, 15 pares de catiuskas, 50 pantalóns de traballo, 15 pantalóns de auga, 15 chaquetas de traballo, 25 camiseiros de traballo, 100 camisetas, 10 pares de tenis de seguridade, 100 máscaras de tea, 10 mantas, 5 toallas e distintos produtos de hixiene.

Compartir: