FESTAS

Área Central acolle, do 7 ao 10 de outubro, a "VII Feira de minerais", a maior das que se celebra en Galicia

01/10/2021 Área Central acollerá, do 7 ao 10 de outubro, a "VII Feira de minerais", na que colabora o concello de Santiago de Compostela; e que contará cunha vintena de expositores de diferentes puntos de Europa. Presentárona hoxe, en rolda de prensa, o concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños; Sara Castedo, adxunta á xerencia de Área Central; e Alejandro Rodríguez, organizador do evento.

En 150 metros de exposición, poderanse atopar, segundo explicou Alejandro Rodríguez, minerais e fósiles procedentes de todo o mundo, así como distintas pezas de xoiaría e bixutaría. Gonzalo Muíños destacou o alto nivel dos expositores, procedentes, nesta edición, de España, Portugal, e países como Xeorxia ou Polonia. Sara Castedo lembrou que se trata dun "dos eventos máis importantes que Área Central acolle ao longo de todo o ano". "É a maior feira de minerais que se fai en Galicia e Portugal, e unha das máis grandes de España" sobre esta temática, indicou.

A pesar do seu alto valor pedagóxico e o seu carácter científico, a feira tívose que axustar ao momento actual e ás medidas anticovid, polo que nesta ocasión se descartaron os obradoiros e as charlas, presentes noutras edicións. En canto as visitas escolares, polo de agora hai confirmadas dúas.

A feira poderase visitar en horario de 10:00 h. a 21:00 h. na esquina vermella e esquina verde de Área Central. Os postos de venda de minerais e fósiles complétanse cun posto de venda de libros especializados na temática. O sábado, día 9, terá lugar unha mesa de intercambio, na que, quen o desexe, pode acudir a mostrar os seus minerais e fósiles.

Os expositores participantes cumprirán todas as medidas sanitarias vixentes. Para Área Central, a celebración da "Feira de minerais" supón o reinicio, no mes de outubro, da súa programación de actividades, parada pola crise do COVID-19. Está previsto que o vindeiro ano, este evento se volva celebrar, como acontecía antes da pandemia, no mes de marzo.

Compartir: