XUNTA DE GOBERNO

Apróbanse as bases das convocatorias de cheques de consultoría para o comercio local e das subvencións para o fomento do deporte federado

13/09/2021 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases da convocatoria e adxudicación de 36 cheques de consultoría para o comercio local do programa Coidar para mellorar 2021 nas seguintes modalidades de comunicación, escaparatismo e mercadotecnia visual, e transformación dixital. Tamén lle deu luz verde ás bases da convocatoria de subvencións, destinadas ao fomento do deporte federado.

Dos asuntos tratados na reunión do executivo municipal, informou o alcalde compostelá, Xosé Sánchez Bugallo. Acompañárono o concelleiro de Polítícas Lingüísticas, Rubén Prol; e a técnica responsable da área de Comercio, Lucía Castro, que explicaron as bases da convocatoria do programa "Coidar para mellorar", no que colaboran os dous departamentos.

Coidar para mellorar
Segundo explicou Rubén Prol, o programa "Coidar para mellorar", ten como obxectivo contribuír a unha maior normalización do noso idioma, e a reforzar o uso do galego entre as empresas; ao ofrecer un servizo de asesoramento e unha liña de de subvencións para os establecementos que desexen mellorar a calidade da súa comunicación comercial e incorporar o galego.

Estas dúas modalidades de axudas convocáronse por primeira vez en 2019 coa finalidade de ofrecer vantaxes competitivas aos negocios que empreguen a nosa lingua. Segundo sinalou o concelleiro, este obxectivo de contribuír a unha maior normalización do galego no sector socioceconómico, complétanse coa plataforma #galegoempresas, ou os Premios Manuel Beiras, que procuran a visibilización do noso idioma con diferentes enfoques. Rubén Prol animou ás empresas a utilizar o galego: "comunicarse en galego é un valor engadido para os negocios. Coa nosa lingua chegamos, a maiores, a toda a clientela do mercado lusófono; e empregando o galego estamos contribuíndo a unha maior diversidade e riqueza socio-lingüística e cultura"; afirmou.

Precisamente, continuou, "no deseño destes programas, tivemos en conta o impulso que pode supor para o uso social da lingua galega que as empresas e o mundo laboral a empreguen con normalidade. Ademais, con esta oferta, os negocios poden planificar de maneira integral os seus procesos de adaptación ou cambio para mellorar a competitividade e chegar de xeito máis eficaz á súa clientela".

Pola súa banda, Lucía Castro centróuse nos tres eidos de actuación do programa: comunicación, escaparatismo e mercadotecnia visual, e transformación dixital. Un establecemento pode, grazas aos cheques de consultoría, contar cun plan de comunicación xeral adaptado ás súas necesidades e completalo, por exemplo, cun estudo para implantar o comercio electrónico. Destacou, en concreto, como novidade desta edición, o seguimento que se realizará desde o departamento de Comercio dos cheques de comunicación, para que o plan deseñado se execute dun xeito adecuado e satisfactorio.

En total, as tres liñas suman un investimento de 42.840 euros: 18.840 para comunicación; 10.200 para escaparatismo e mercadotecnia visual; e 13.800 para transformación dixital. Cada unha delas oferta 12 cheques, cun importe por solicitude de 1.570 euros para asesoramento en comunicación; 850 para asesoramento en escaparatismo e mercadotecnia visual; e 1.150 euros para asesoramento en transformación dixital.

Lucía Castro explicou que nese asesoramento teránse en conta as condicións especiais de cada unha das empresas solicitantes; e sinalou que un mesmo negocio pode presentarse as tres liñas de cheques de consultoría. Nos criterios de concesión terase en conta a orde temporal de entrada da solicitude; e que a actividade estea incluida nalgunha das agrupacións ou epígrafes que acompañan ás bases.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles a contar desde o seguinte á publicación das bases no BOP.

Convocatoria de subvencións destinadas o fomento do deporte federado
A Xunta de Gobenro Local tamén aprobou as bases da "Convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ao fomento do deporte federado. Ano 2021". A súa finalidade é a promoción das entidades deportivas locais de carácter federado, non mercantís, non profesionais, e sen ánimo de lucro co obxecto de financiar, en parte, os gastos derivados da súa participación nas competicións deportivas establecidas nos correspondentes calendarios oficiais das federacións autonómicas e nacionais. Estas axudas contan cun orzamento de 300.000 euros.

O formulario de solicitude estará dispoñible na sede electrónica do concello de Santiago unha vez se publique non BOP.

Outros acordos
O alcalde, Sánchez Bugallo, tamén informou sobre a aprobación da "Concesión do uso privativo do dominio público municipal para a explotación de dous quioscos, sitos no parque da Alameda (lote I) e na praza de Vigo (lote II)", e a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto, establecéndose un tipo mínimo de licitación en forma de canon a abonar ao concello de Santiago, 3.000 euros.

Ademais, acordouse adxudicar o contrato que ten por obxecto a "Execución das obras do proxecto técnico de renovación da sala de caldeiras existente no Pazo de Raxoi de Raxoi en Santiago de Compostela" a favor da empresa IAM RUMBO INSTALACIONES Y OBRAS, por un importe total de 115.164,17 euros, sendo a súa oferta a máis vantaxosa das presentadas.

Tamén se aprobou a relación definitiva de matrículas e da lista de agarda na Escola Municipal de Música para o curso escolar 2021-2022; e tomóuse coñecemento do outorgamento ao Concello de Santiago de Compostela, por parte da Consellería de Emprego e Igualdade, dunha subvención de 346.946 euros, destinada a financiar o Obradoiro dual de emprego "CREAS IV".

Compartir: