DEPORTES

Mañá, 11 de agosto, ábrese o prazo para solicitar o uso das instalacións deportivas municipais

10/08/2021 A partir de mañá, 11 de agosto, está aberto o prazo para solicitar o uso das instalacións deportivas municipais, despois de que a Xunta de Goberno Local aprobara as bases que regulan a súa utilización para adestramentos e outras actividades físicas durante a tempada 2021/22.

A gran demanda destas instalacións, cada vez máis crecente, fai necesario regular de xeito ordenado o procedemento de solicitude a través dun sistema de concorrencia que garanta un reparto o máis equitativo posible. Un sistema de asignación de horas vinculado, preferentemente, a adestramentos, práctica deportiva federada, e actividades físicas e educativas para a tempada e/ou curso escolar 2021/22. Poderán solicitar as instalacións deportivas municipais:

1. Entidades deportivas de Santiago de Compostela inscritas no rexistro municipal de asociacións e definidas polo artigo 40 de Lei del Deporte de Galicia: clubs deportivos, agrupacións deportivas escolares e seccións deportivas todas elas sen ánimo de lucro. Terán prioridade á hora de realizar o reparto aquelas entidades que non dispoñan de instalación propia ou cedida de forma gratuíta.
2. Federacións deportivas
3. Asociacións en xeral de Santiago de Compostela debidamente inscritas no rexistro municipal de asociacións.
4. Excepcionalmente poderánselle asignar horas para actividades nas instalacións deportivas municipais a entidades deportivas ou asociacións que non estean inscritas no rexistro municipal, sempre e cando queden horas sobrantes nesta convocatoria ou soliciten franxas horarias para as que non existe demanda por parte de entidades ou deportistas da cidade.

Presentación de solicitudes
A presentación da solicitude para as actividade deportivas de adestramento realizarase no prazo de 20 días naturais, que comezan a contar desde o día seguinte á publicación da convocatoria na páxina web municipal do Concello de Santiago e na do Departamento de Deportes.

A presentación de solicitudes para actividades físicas, como as actividades extraescolares, realizarase no prazo de 30 días naturais, desde o día seguinte á publicación da convocatoria na páxina web municipal do Concello de Santiago e na do Departamento de Deportes.

As solicitudes presentadas fóra de prazo non se terán en conta para resolver esta convocatoria. Non obstante, poderán ser tidas en conta a posteriori no caso de que queden horas dispoñibles ao longo do ano.

Pódese presentar unha solicitude por cada entidade e por tipo de instalación, na que se deberán ordenar as preferencias de días e franxas horarias para adestrar. Para a presentación das solicitudes cómpre cubrir o formulario que figura no trámite establecido na sede electrónica do Concello.

-Uso instalacións deportivas municipais de tempada: campos de fútbol
-Uso instalacións deportivas municipais de tempada: pavillóns
-Uso instalacións deportivas municipais de tempada: pistas de atletismo
-Uso instalacións deportivas municipais de tempada: salas de musculación

As entidades que precisen instalacións diferentes para deportes e modalidades distintas deberán presentar o número de formularios que procedan segundo os modelos propostos.

O procedemento polo que se distribuirán as horas das instalacións deportivas municipais ás entidades solicitantes será o de concorrencia competitiva. Preténdese garantir así un reparto o máis equitativo posible entre os solicitantes que presenten características similares.

En concreto, repartirase practicamente a totalidade de horas semanais dispoñibles no conxunto das instalacións, unha vez descontadas as de uso propio e as reservadas para as actividades lectivas oficiais. Sen embargo, procurarase reservar un número de horas semanais sen repartir para que calquera interesado/apoida acudir ao sistema regulado a través da carpeta cidadá e reservar esas horas de forma libre, sempre que a situación provocada pola COVID o permita. No momento da elaboración destas bases esta opción está suspendida en consideración a situación sanitaria.

O reparto de horas entre todos os solicitantes non implica o uso gratuíto das instalacións deportivas. En cada caso haberá que atender ao establecido na Ordenanza Fiscal 4.27 na que se determina o prezo público pola prestación de servizos e realización de actividades nas instalacións deportivas municipais así como, calquera modificación que se poida producir ao longo da tempada deportiva obxecto de solicitude.

Direccións relacionadas



Compartir: