ALCALDÍA

O alcalde destaca os últimos avances en dous proxectos importantes para o futuro da cidade: Peleteiro e o biopolo

30/07/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, destacou hoxe en rolda de prensa os últimos avances en "dous temas que van ser importantes para a futuro cidade": o proxecto Peleteiro, do que onte se aprobou en pleno, por maioría absoluta, a Declaración Ambiental Estratéxica, que "inicia a súa tramitación"; e o biopolo, ao anunciar que o luns está previsto aprobar a cesión dos terreos.

O rexedor explicou que hoxe se reuniu cos promotores do biopolo, con "Sionlla Biotech, revisando como están todos os puntos, e o luns temos previsto aprobar a cesión dos terreos". Sinala que o que non se poderá conceder aínda é a licenza de obras porque aínda non se presentou o proxecto de execución. Si está presentado "un proxecto básico ao que lle daremos a aprobación e ampliaremos a licenza da que xa dispoñen para o recheo e o movemento de terras dentro da parcela. Con iso poden seguir traballando durante o próximo mes".

O alcalde enadiu que é un proxecto no que xa se está traballando desde o 25 de xuño. "Probablemente sexa o proxecto máis avanzando dos que foron aprobados e subvencionados pola Xunta de Galicia o ano pasado", subliñou. O rexedor recoñece que é un camiño difícil, pero valora "a velocidade" coa que se está tramitando.

Sobre o proxecto peleteiro, sinalou que a aprobación do DAE "era un paso necesario necesario, pero non suficiente para sacar a operación adiante".

En ambos proxectos, sinalou "teño que expresar o meu recoñecemento e felicitación os servizos de urbanismo. Están facendo un traballo excepcional en temas enormemente complexos como son o proxecto Peleteiro e o biopolo".

Sánchez Bugallo comezou a rolda de prensa animando á cidadania a "participar e gozar" cos últimos días das festas do Apóstolo, que rematarán mañá, 31 de xullo, cun espectáculo pirotécnico desde a cidade da Cultura. Un mes de xullo que cualificou como "extraordinariamente positivo para Santiago", que comezou coa "adxudicación das novas obras da EDAR" da Silvouta; e que o 25 de xullo acolleu a reunión do Real Padroado da Cidade de Santiago de Compostela, "coa presenza das máximas autoridades do Estado"; entre elas Felipe VI; e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Compartir: