ALCALDÍA

Recepción no Pazo de Raxoi aos Reis, á princesa de Asturias e á infanta Sofía, despois da Ofrenda ao Apóstolo

25/07/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presidiu a recepción a El Rei de España, Felipe VI; e o resto da familia real: a Raiña Letizia e as Infantas Leonor, Princesa de Asturias; e Sofía; que despois da Ofrenda ao Apóstolo se achegaron ata o Pazo de Raxoi. Xa en Alcaldía, todos eles asinaron no libro de Honra da Cidade de Santiago.

Na recepción tamén estiveron presentes Juan José Rivas González, Presidente do Tribunal Constitucional; Alberto Núñez Feijóo, Presidente da Xunta de Galicia; Nadia Calviño Rivas, vicepresidenta Primeira do Goberno e Ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital; Yolanda Díaz Pérez, vicepresidenta Segunda do Goberno e Ministra de Traballo e Economía Social; Miguel Á. Santalices Vieira, Presidente do Parlamento de Galicia; de José Miñones Conde, delegado do Gobierno en Galicia; e do Almirante Xeneral Teodoro E. López Calderón, Xefe do Estado Maior da Defensa.

Felipe VI realizou, como ven sendo tradición nos Anos Santos, a Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago. Na súa intervención pediulle axuda "para manter viva a esperanza de recuperar a normalidade", despois da pandemia. Tamén apelou á axuda do "Santo Patrón de Galicia e de España para cimentar os camiños da unidade, solidariedade e concordia que aseguran a nosa convivencia en democracia e liberdade".

Tanto o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, como o resto do equipo de goberno, asistiron á cerimonia relixiosa, na que tamén estaban presentes varios membros dos grupos da oposición; e distintas autoridades, eclesiásticas, autonómicas, do goberno de España e das diferentes Forzas Armadas. Felipe VI cualificou a pandemia da Covid-19, como "unha das experiencias máis duras que gardamos na nosa memoria". En pouco tempo, continuou, vímonos inmersos nunha situación descoñecida que mudou hábitos, costumes e rutinas, e sobre todo, que levou ao corazón de moitas persoas temores, incertezas, preocupacións e, en moitas ocasións, tristemente, unha profunda dor por aqueles que nos deixaron".

Neste momento, engadiu "son imprescindibles faros que alumeen e marquen a dirección na oscuridade. Un deles represéntano os cidadáns que, coa súa solidariedade e entrega, cun gran sentido cívico, volcaron todos os esforzos axudando aos seus semellantes". "Quero reiterar nesta ofrenda o orgullo e respecto que, como español, sinto polo noso pobo; pola súa determinación para superar definitivamente esta situación, pola súa vontades para seguir construíndo o futuro que merecen os nosos cidadáns", subliñou.

Felipe VI tivo tamén palabras en galego na súa invocación ao Apóstolo, "que simboliza a unidade". "Ao redor del", destacou, "uniuse España e únese Europa. En torno á súa memoria érguese unha catedral maxestuosa que repressenta a busca dun ideal compartido por millóns de persoas; unha catedral que representa tamén uha vitoria de esperanza sobre todas as "negras sombras" das que se laiaba Rosalía de Castro". A España, continuou, "que compartimos hoxe é unha obra colectiva na que os soños de moitos devanceiros se plasmaron nunha convivencia democrática. Somos unha nación vencellada polo pasado, polo presente e polo futuro, que vive e se expresa en linguas e culturas tan ricas como a galega", engadiu.

Por outra banda, o arcebispo Julián Barrio lembrou, na súa homilía, ás persoas que morreron no accidente ferroviario de Angrois, e ás falecidas pola pandemia; e agradeceu "a dedicación e entrega do persoa sanitario". Tamén pediu polos "peregrinos que chegar a venerar a túa tumba neste Ano Santo, e por todos os nosos gobernantes para que teñan fortaleza, xenerosidade e constancia na busca da renovación ética e moral da nosa sociedade".

Actos protocolarios
Antes da cerimonia relixiosa, Felipe VI pasou revista ás tropas na praza do Obradoiro, onde a Patrulla Águila, o grupo de voo acrobático do Exército do Aire Español, sobrevoou a zona deixando un ronsel de fume coas cores da bandeira española.

Coa chegada das primeiras autoridades, sobre as 11:00 h. da mañá, incorporouse a bandeira á Forza, xa formada. Sobre as 12:00 h. chegou a familia real; Felipe VI, a Raiña Dona Letizia; a Infanta Leonor, Princesa de Asturias; e a súa irmá, a Infanta Sofía. Na Praza do Obradoiro foron recibidos polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a vicepresidenta Primeira do Goberno Nadia Calviño; Juan José Rivas González, Presidente do Tribunal Constitucional; Alberto Núñez Feijóo, Presidente da Xunta de Galicia; Yolanda Díaz Pérez, Vicepresidenta Segunda do Goberno; Miguel Á. Santalices Vieira, Presidente do Parlamento de Galicia; José Miñones Conde, Delegado do Goberno en Galicia; e o Almirante General Teodoro E. López Calderón, Xefe do Estado Maior da Defensa.

A continuación foi cando Felipe VI pasou revista á Forza en formación, saúdando á badeira ao seu paso. De xeito paralelo, o resto da familia real achegábase ata o centro da praza para ver, xunto a El Rei, á Patrulla Águila. Finalizada a revista, o monarca despediu a bandeira e ás tropas, e toda a familia real se dirixou cara as autoridades para saúdalas, e inmediatamente despois, cara a Catedral, para asistir á cerimonia relixiosa e á tradicional ofrenda ao Apóstolo Santiago.

Compartir: