PLENO

O Pleno aproba incialmente a modificación da ordenanza de circulación e uso da vía pública

30/06/2021 Na sesión ordinaria do mes de xuño, o Pleno da Corporación deu o visto bo á aprobación inicial da ordenanza de circulación e uso da vía pública, así como unha moción conxunta de condena ao ataque á exposición na alameda sobre as mortes de persoas refuxiadas e migrantes, e en defensa deses mesmos colectivos; e unha declaración institucional que se suma á declaración contra o negacionismo da violencia machista emitida polo Observatorio estatal de violencia sobre a muller.

O pleno aprobou inicialmente, cos votos a favor do Grupo Socialista, a abstención de de PP e Compostela Aberta, e o posicionamento en contra do BNG; a modificación da "Ordenanza de circulación e uso da vía pública". Defendeuna o concelleiro de Mobilidade. Gonzalo Muíños explicou que esta modificación responde a dous motivos: a adecuación á normativa estatal e a regulación dunha serie de aspectos que non estaban contemplados na norma actual. Trátase, engadiu, dun "documento de traballo" froito de "moitas reunións entre os técnicos, cos distintos grupos municipais", aos que lle agradeceu as achegas realizadas: "a gran maioría foron contempladas no documento de modificación da ordenanza. Achegas construtivas, e en positivo, que melloran o documento presentado", que consta, recordou, de 72 artigos.

As modificacións céntranse nas seguintes cuestións e artigos:

- Clasificación das vías urbanas e límites de velocidade, para adecualos á norma estatal: artigos 16 a 22

- Artigo 23 e 24: persoas responsables da conducción e condutas que afectan á mesma, consumo de bebidas alcohólicas, drogas, estupefacientes e outras.
- Regulación das bicicletas e a súa adecuación aos distintos tipos de vías polas que poderán circular: artigo 27. En concreto, modifícanse os apartados 27.C 1 e 2 e o apartado D do mesmo artigo, quedando como segue:
1. As bicicletas terán que estacionar preferentemente nos lugares habilitados, deixando libre en todos os casos un espazo de tres metros para as persoas. De non haber prazas de aparcamento gratuítas, poderán amarrarse a elementos de mobiliario urbano sempre que non os afecten nin alteren a súa función ou impidan a accesibilidade, o tránsito peonil e a circulación de vehículos.
Polo que se refire ó apartado D, do artigo 27, quedará redactado como segue, en coherencia co disposto no artigo 7.c) do TRLTSV :
As bicicletas só poderán ser retiradas e levadas ao correspondente depósito se están abandonadas ou se, estando amarradas, dificultan a circulación de vehículos ou persoas ou danen o mobiliario urbano".

- Artigo 34: sobre os estacionamentos e restricións no ámbito do casco histórico da cidade e o aparcamento regulado. Faise unha mención especial á modificación do horario da carga e descarga e as limitacións destas tarefas no casco histórico.

- Artigo 37: recolle o suposto de vehículos estacionados para a súa venda, cuestión anteriormente non contemplada na norma e que impedía as actuación policiais en relación con este tema.

- Recolle, como medida cautelar, a inmobilización de vehículos no artigo 55; e a súa retirada da vía pública no artigo 57.

- Regula, no tratamento residual do vehículo, o procedemento de traslado no artigo 69; e no artigo 70 a retirada de obxectos depositados na vía pública.

- Modifícanse as infraccións que teñen a consideración de leves, graves e moi graves, en relación con cuestións como o uso das bicicletas no artigo 71; así como o suposto de estacionamento de vehículos para a súa venda. No relativo á comisión de infraccións, persoas responsables, importe e gradación das sancións á norma, remítese á lexislación estatal en base ao principio de legalidade e reserva de lei nesta materia.

- Inclúe unha disposición adicional primeira en relación coas novas solucións de mobilidade urbana, remitíndose ao Anexo II da norma en canto a súa regulación.

- Asemade, inclúe unha disposición adicional segunda que habilita á Xunta de Goberno para realizar aquelas modificacións puntuais sobre clasificación da vías urbanas, xestión e ordenación do casco histórico e vehículos de mobilidade persoal, para permitir unha máis áxil xestión da ordenación do tráfico e da seguridade vial.

- Nas disposicións finais primeira e segunda, a norma remite á lexislación estatal nas cuestión non contempladas na mesma, ademais de regular a súa entrada en vigor.

- En desenvolvemento dos artigos 18 e seguintes introdúcese un Anexo I, no que se concreta en planimetría as distintas zonas en función da clasificación das vías urbanas.

- Nun Anexo II, regula o réxime da mobilidade no casco histórico, cuestión fundamental, pois non existía propiamente con anterioridade un tratamento específico deste espazo coas súas peculiaridades. Na norma obxecto de modificación soamente existía un artigo que contemplaba o réxime deste espazo peonil protexido.

- Nun Anexo III recolle a regulación dos vehículos de mobilidade persoal, adaptado á normativa estatal e as normas da Unión Europea.

- Nun Anexo IV o documento inclúe un plano das zonas de aparcamento de autobuses e camións de gran tonelaxe.

- E nun derradeiro Anexo V, recolle os distintos tipos de vehículos, segundo as determinacións do Anexo I do Real Decreto Lexislativo 6/201, do 30 de outubro, co fin de facilitar a comprensión da norma.

Declaración institucional e moción conxunta
O pleno aprobou unha moción conxunta de todos os grupos municipais de condena ao ataque á exposición na alameda sobre as mortes de persoas refuxiadas e migrantes, e en defensa deses mesmos colectivos. O acordo adoptado recolle o seguinte: "o Concello de Santiago de Compostela reafírmase no apoio a tódalas persoas que migran ou se acollen ao dereito de asilo ou refuxio, e comprométese na defensa dos seus dereitos e da súa integridade moral; condena rotundamente o ataque contra a exposición promovida con ocasión do Día Mundial das Persoas Refuxiadas no Paseo dos Leóns do Parque da Alameda" e finaliza indicando que "a Corporación Municipal reafirma o seu compromiso de continuar a desenvolver políticas en prol do apoio e o soporte aos inmigrantes e refuxiados que residen en Santiago, e de promover a súa integración e benestar a través da Unidade de Atención ás Migracións e os demais servizos dos que dispón o Concello".

Así mesmo, o pleno acordou sumarse á declaración contra o negacionismo emitida polo Observatorio estatal de violencia sobre a muller que, ante os "ataques que nestes tempos aumentan contra a igualdade e contra esta realidade, reproducindo estereotipos e prexuízos machistas e reaccionarios que criamos superados e que danan as vítimas e a quen traballa por elas", fai fincapé "na necesidade de avanzar nun diálogo construtivo, baseado en feitos e datos, con todos os sectores da sociedade co fin de proporcionar unha visión real, detallada e actual que contribúa á sensibilización, prevención e erradicación de toda violencia exercida sobre as mulleres".

Pleno extraordinario
Para a xornada de hoxe tamén se convocou un pleno extraordinario cun único punto na orde do día, a "constitución dunha comisión de estudo de carácter especial, integrada consonte a un sistema de voto ponderado por dous membros de cada grupo municipal, para que supervise a participación do Concello no proxecto de creación dun polo de innovación tecnolóxica, avalíe a presumible falta de dilixencia habida e esixa, no seu caso, as responsabilidades oportunas". A sesión celebrouse ao haber quorum suficiente, pero non se chegou a debater ante a ausencia do PP, o grupo convocante, que se ausentou do mesmo.

Compartir: