OBRAS

A concellaría de Obras ten planificadas para o que resta de ano 19 actuacións, das que catro están adxudicadas

09/06/2021 O concelleiro de Barrios e Obras, Javier Fernández, realizou hoxe unha valoración do estado de execución das distintas actuacións programadas polo seu departamento para 2021. Son un total de 22, dúas delas xa rematadas, que axudarán, sinalou o concelleiro, "na recuperación económica e na creación de emprego".

Javier Fernández explicou que neste momento que hai unha obra en execución, a da Rúa de Concheiros, cun custe de 2.170.872,18 euros; e que xa se remataron dúas actuacións: os muros de Fontiñas e o muro de Costiña do Monte, que está previsto recepcionar mañá. Para o que queda de ano hai planificadas 19 obras, cun orzamento de 7.188.852,2 euro: 4 delas adxudicadas, 8 en proceso de licitación, e 7 pendentes de licitación.

Obras adxudicadas
O concelleiro destacou as dúas obras, con cargo aos remanentes de 2019, que están adxudicadas e a piques de comezar as obras. A primeira: o acondicionamento do campo da festa do Castiñeiriño, adxudicada a "Barnacle Obras y Servicios", cun orzamento de 335.474,56 euros, e un prazo de execución de 5 meses. "Hoxe comeza o valado e colocación do campamento de obra. O venres, 11 de xuño, está previsto a sinatura de acta de comprobación de replanteo. E o luns, 14 de xuño, é o inicio das obras", segundo explicou Javier Fernández.

Trátase dunha obras, engadiu, que dá resposta as demandas veciñais, que "pedían o acondicionamento como novo campo da festa das parcelas dotacionais EQ1 (1.200 m²) y EQ2 (3.961 m²) xeradas pola urbanización do polígono SUNP 11 do Castiñeiriño; e situadas detrás da Igrexa da Nosa Señora de Fátima e do antigo colexio Ramón Cabanillas".

Fernández explicou que o proxecto construtivo contempla distintas funcionalidades, tanto fixas como temporais, entre elas a instalación das atraccións feirais durante as festas do barrio ou escenarios móbiles para actuacións (elevadas sobrecargas sobre o pavimento), pistas deportivas (plataforma horizontal libre de obstáculos), aparcamento alternativo (actos litúrxicos na igrexa), gradas, acceso as antigas instalacións do colexio Ramón Cabanillas para o seu posible aproveitamento vinculado (vestiarios, camerinos, etc.), etc. Entre outras actuacións, pavimentarase a área achairada que actualmente conta cun acabado de formigón; e instalaranse diversos servizos de drenaxe para a canalizacion de pluviais, alumeado, etc; así como unha serie de chanzos prefabricados que se acondicionarán como zonas axardinadas.

A segunda obra adxudicada, con cargo aos remanentes de 2029, e a mellora da accesibilidade do Pazo de Raxoi pola entrada da Costa do Cristo. Foi adxudicada á empresa Joscón SL, e conta cun orzamento de 40.536,45 euros e un prazo de execución de dous meses e medio.

Javier Fernández tamén destacou a inminente execución doutras dúas obras, xa adxudicadas, pero con cargo ao orzamento de 2021. O palacete da finca do Espiño, contratado a Bauen Empresa Constructora SAU por 1.425.922,9 euros; e a Ponte Vella de Vidán, que acondicionará Ogando SL, por 126.959,15 euros.

Obras en licitación
As obras en licitación, con cargo ao remanente de 2019 son a humanización da rúa do Horreo na contorna da intermodal, que conta cun orzamento de 610.000 euros e un prazo de actuación de 4 meses; a urbanización de Cotaredo-Rúa do Valiño, cun custe de 165.876,26 euros e un prazo de execución de medio ano; o aparcadoiro da rúa da Altiboia, que cando estea rematado, segundo o concelleiro contara cunhas 90 prazas, e que conta cun orzamento de 208.907,95 euros e un prazo de execución de 5 meses.

Tamén destacou a reforma dos aseos na rúa Trindade e os de Raxoi, por 397.886,38 euros e un prazo de execución de 5 meses; a rexeneración do pavimento da Avda. de Asturias, que costará 517.204,47 euros. Segundo avanzou Javier Fernández, está previsto que as obras se inicien en xullo e se prolonguen durante 4 meses.

Outra obra importante, sinalou, é a renovación do céspede do campo de fútbol do Sergas. Conta cun orzamento de 568.267,15 euros, e calcula que este rematada en mes e medio, para que xa se poida utilizar o campo en setembro. Outra actuación que está previsto que se inicie en verán e a cuberta de uso múltiples de Santa Marta, con 165.000 euros de orzamento e un prazo de execución de 4 meses. E por último, con cargo ao remanente, o concelleiro destacou o proxecto de humanización do barrio da Estila e accesibilidade da Almáciga, que ten un custe de 78.000 euros e un prazo de execución de 2 meses.

Obras pendentes de licitación
Con cargo ao remanente de 2019 quedan dúas obras pendentes de licitación: a rexeneracion aslfática da cidade, cun orzamento de 820.000 euros e un prazo de execución de 4 meses que, subliñou o concelleiro se levará os próximos días a Xunta de Goberno; e as obras de accesibilidade en distintos puntos da cidade, cun custe de 247.000 euros e un prazo de actuación de dous meses e medio.

Outras obras pendentes de licitación, esta vez con cargo ao orzamento de 2021, son os accesos a Lamas de Abade (126.711,20 euros); distintas actuacións no Rueiro de Vidán (203.698,31 euros) e en Salvador Parga (218.913,58 euros), o reacondicionamento da contorna da dársena de Xoan XXIII (300.000 euros) e a obra de reparación do muro da Alameda, na parte que é titularidade do Concello de Santiago (400.000 euros).

Na rolda de prensa, Javier Fernández estivo acompañado polo xefe do Servizo de Proxectos e Obras, Antonio Ranedo.

Documentos relacionados



Compartir: