ACCIÓN CULTURAL

Chega ao Auditorio de Galicia ‘El bar que se tragó a todos los españoles’, do Centro Dramático Nacional

14/04/2021 Trátase da primeira creación de Alfredo Sanzol á fronte do CDN e conta a historia de Jorge Arizmendi, un cura navarro que en 1963, con trinta e tres anos de idade, deixa o sacerdocio e viaxa aos Estados Unidos para mudar de vida. Haberá dúas funcións, venres 16 e sábado 17, ambas a partir das 18.30 h, dentro da programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou esta mañá ‘El bar que se tragó a todos los españoles’, proposta coa que chega o Centro Dramático Nacional esta fin de semana ao Auditorio de Galicia. Na rolda, estivo acompañada polo director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, e de maneira virtual (pois aínda chegan mañá á cidade) polo director e autor da obra, Alfredo Sanzol, e as actrices e actor da mesma Natalia Huarte, Nuria Mencía e Jesús Noguero.

Trátase da primeira creación de Alfredo Sanzol á fronte do CDN e conta a historia de Jorge Arizmendi, un cura navarro que en 1963, con trinta e tres anos de idade, deixa o sacerdocio e viaxa aos Estados Unidos para mudar de vida. É un relato inspirado na historia do pai do propio Sanzol que, tamén en 1963, fixo uso das dispensas promovidas polos papas Xoán XXIII e Pablo VI para abandonar a vida clerical e volver comezar.

Venda de entradas e máis programación
Haberá dúas funcións, venres 16 e sábado 17, ambas ás 18.30 h e cunha duración de 3 horas. As entradas poden adquirirse na páxina web compostelacultura.gal ou no despacho de billetes do Teatro Principal de 18 a 21 h. Se quedaran dispoñibles, tamén o propio día do espectáculo no despacho de billetes do Auditorio de Galicia, desde 1h e media antes do inicio do mesmo. O prezo é de 14 euros, co 50% de desconto para os colectivos habituais.

O espectáculo enmárcase dentro da programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura que ofrece nos seguintes días deste mes de abril a Gran Gala do Circo, dirixida a público familiar, ‘Illas desertas’ de Laura Villaverde e Roi Fernández, ‘Soga e cinsa’ de Aporía Escénica, ‘Dosis de Paraíso’ de Sharon Fridman, ‘Bailar agora’ con Marta Alonso Tejada, ‘Catro’ de Caramuxo Teatro e ‘Una noche sin luna’ de Juan Diego Botto dirixida por Peris-Mencheta. En total, o ciclo propón trinta e dous espectáculos ata o mes de xuño, baixo o nome de ‘Viva a escena!’.

Dar voz aos que non a teñen
Como diciamos, o espectáculo é a primeira creación de Alfredo Sanzol como director do centro Dramático Nacional. En palabras do propio Sanzol, "o obxectivo número un do meu proxecto á fronte da institución é promover a dramaturxia contemporánea española, para que poidamos seguir dándolle voz a todos aqueles que non a teñen, e tamén a todos os que non a tiveron" e engade: "A historia de crecemento de Jorge Arizmendi é unha historia de crecemento e transformación persoal que simboliza a historia de crecemento e transformación persoal de toda unha sociedade".

Jorge Arizmendi, o protagonista, decide cambiar de vida, deixar o sacerdocio e viaxar a Estados Unidos para aprender inglés e márketing. O lugar ao que chega chámase Orange, no estado de Tejas. Alí, unha congregación de pais escolapios axúdalle a atopar un traballo como vendedor de aspiradoras. Un dos lugares que visita é un rancho no que vive un matrimonio que sufriu recentemente o falecemento dun fillo. Este fillo era fisicamente igual que Jorge, ata o punto de que eles ao velo, cren estar vendo ao seu fillo e fanlle a seguinte proposta: "Se quedas a vivir connosco, cando morramos, este rancho será teu".

A partir de aí, unha historia que nos axuda a responder a pregunta de "pode unha vida dar para ter dúas vidas?". Sanzol remata dicindo: "O meu pai sempre nos contou moitas historias da súa vida, pero non nos contou a principal. Abandonar o sacerdocio en 1963 en España supoñía un sismo persoal, familiar e político. Esta obra quere dar luz e devolver a dignidade a todos aqueles homes e mulleres que decidiron cambiar de vida, e que se arriscaron a facelo".

Alfredo Sanzol, director e autor
Sanzol (Madrid-Pamplona, 1972) é actualmente o director do Centro Dramático Nacional. Autor e director de teatro a súa obra caracterízase polo uso do sentido do humor, a busca dun estilo formal propio co que expoñer os problemas da súa biografía persoal e social e o compromiso coa investigación de novas estruturas dramáticas.

Foi distinguido en 2017 co Premio Nacional de Literatura Dramática pola súa obra ‘La respiración’. En 2018 gañou o XII Premio Valle-Inclán de Teatro por ‘La Ternura’ e en 2016 recibiu o Premio de Teatro da Comunidade de Madrid. Tamén recibiu en seis ocasións o Premio Max das Artes Escénicas. Na Categoría de Mellor Autor Teatral por ‘Delicadas’, ‘Días estupendos’, ‘En la luna’ e ‘La respiración’ e en dúas ocasións por Mellor Espectáculo por ‘La Ternura’ e ‘En la luna’, respectivamente. Por esta última obra obtivo tamén o Premio Ceres ao Mellor Autor Teatral en 2012.

Equipo técnico e artístico
Texto e dirección: Alfredo Sanzol
Escenografía e vestiario: Alejandro Andújar
Iluminación: Pedro Yagüe
Música: Fernando Velázquez
Espazo sonoro: Sandra Vicente
Caracterización: Chema Noci
Movemento escénico: Amaya Galeote
Axudante de dirección: Raquel Alarcón e Beatriz Jaén
Axudante de escenografía: Carlos Baryda
Axudante de iluminación: Antonio Serrano
Asistente de escenografía e vestiario: Lola Rosales
Alumna en prácticas da RESAD: Iria Ortega
Realizacións: Pascualin Estructures, Mambo Decorados e Horba Miró (escenografía), Sfumato (ambientación escenográfica), Hijos de Jesús Mateos e May Servicios para ele spectáculo (Utilería) e Maribel Rodríguez Hernández (vestiario)
Tráiler: Bárbara Sánchez Palomero
Fotografía; Luz Soria
Produción: Centro Dramático Nacional
Elenco artístico: Francesco Carril, Elena González, Natalia Huarte, David Lorente, Nuria Mencía, Jesús Noguero, Albert Ribalta, Jimmy Roca e Camila Viyuela

Compartir: