POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello súmase á celebración do Día Internacional do Pobo Xitano

08/04/2021 A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, acompañada por Isabel Suárez Carballo e Lorena Moreno Jiménez, da Fundación Secratario Xitano, deu lectura ao manifesto institucional en conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano, que tamén se celebra coa colocación da bandeira, co canto do himno Gelem, Gelem, e coa cerimonía do Río.

"Desde o Concello de Santiago sumámonos a esta celebración, coa que se quere lembrar a historia do pobo xitano, e tamén render homenaxe ás vítimas xitanas do xenocidio nazi, así como das distintas persecucións ao longo dos séculos. A data non é casual, elixiuse para conmemorar a celebración do I Congreso mundial roma/xitano o 8 de abril de 1971", lembrou Mila Castro.

A celebración deste día inclúe o izado da bandeira xitana, que se colocou na escaleira de acceso á zona nobre do Pazo de Raxoi; a interpretación do himno xitano Gelem, gelem; a celebración da chamada "Cerimonia do río", no que as mulleres botan pétalos de flores nos ríos e os homes encenden velas en recordo dos antepasados; e a lectura dunha declaración institucional, que levaron a cabo a concelleira e as dúas representantes da Fundación.

A declaración institucional lembra que este ano se cumpre o 50 aniversario do 1º Congreso Mundial Xitano, celebrado en Londres, no que se adoptaron os símbolos propios do Pobo Xitano: a bandeira azul e verde cunha roda vermella, e o himno Gelem, Gelem.

"En España tivemos que esperar moitos anos para avanzar no recoñecemento institucional. A pedimento do Congreso dos Deputados, o Goberno de España recoñeceu en 2018 o 8 de abril como Día do Pobo Xitano, así como o uso da bandeira e o himno xitanos. Afortunadamente cada vez máis institucións e persoas se suman ano a ano a esta celebración nun xesto simbólico de recoñecemento a unha identidade cultural e a unha historia e cultura apenas coñecida pola maioría da nosa sociedade. Unha historia de resistencia marcada polas persecucións, o rexeitamento e a discriminación, pero tamén por xitanos e xitanas que contribuíron desde distintos ámbitos ao desenvolvemento cultural, artístico, social e económico do noso país", indica o texto, que remata reinvindicando "o recoñecemento institucional do Pobo Xitano, pero tamén a garantía da igualdade de oportunidades e de trato para os xitanos e xitanas" que "debe ser un compromiso efectivo dos poderes públicos na celebración deste 50º aniversario da instauración do Día do Pobo Xitano. Un compromiso que, nesta etapa de reconstrución e recuperación do país tras a crise provocada polo Coronavirus, debe traducirse en medidas concretas para reducir a desigualdade, loitar contra a discriminación, e avanzar en dereitos e cidadanía do Pobo Xitano. Non esperemos outros 50 anos para reparar esta inxustiza histórica".

Documentos relacionados



Compartir: