ACCIÓN CULTURAL

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico presenta a programación completa da súa 16ª edición

23/03/2021 Hoxe presentouse no Museo do Pobo Galego a 16ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, na que colabora o Concello, e que terá lugar do 6 ao 10 de abril en Santiago. No acto estiveron presentes a vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo, Concha Losada; á concelleira responsable de Acción Cultural de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón; Jacobo Sutil, director da Agadic; Xurxo Couto, deputado responsable da Área de Cultura da Deputación da Coruña; e Ana Estévez, directora da MICE.

Na súa intervención, Mercedes Rosón expresou a súa satisfacción por "poder colaborar coa décimo sexta Mostra Internacional de cinema Etnográfico. Cremos que é esencial dar espazo a iniciativas tan interesantes como a MICE e ao cinema etnográfico, proxecto e disciplina que non atopan oco nas programacións máis comerciais". Engadiu que a mostra "aporta a Santiago, ocio, entretemento, información, pedagoxía, diversidade cultural, outras realidades, outras perspectivas, que nos amosarán esas diferentes maneiras de ver e de estar no mundo coas que se identifica a MICE e os seus organizadores".

Concha Losada, vicepresidenta do Museo do Pobo Galego, asegurou que "o cinema ten unha importancia vital para facer país" e sostivo que desde o Museo do Pobo "amamos, exhibimos, divulgamos, e na medida en que nos corresponda, impulsamos" o cinema. Pola súa banda, a directora da 16ª MICE, Ana Estévez, salientou que esta edición "recupera o encontro presencial con todas as medidas sanitarias porque a cultura é segura e a MICE é segura". "Imos ter unha edición mixta na que varios dos contidos estarán en presencial e en dixital. Estamos contentas por recuperar os encontros e esa capacidade de vernos, de falarnos; aínda que sabemos que o dixital, que nos aporta outras cousas, veu para quedarse".

Ana Estévez salientou a presencia galega na sección oficial a concurso desta edición da MICE, que recibiu máis de 1.000 filmes entre os que foron seleccionados os once participantes. "Imos ter a sorte de contar coa estrea galega de Entre pastores e lobos, de Manuel Pedrosa; pero tamén teremos Notas para a habitabilidade en A Barca, do colectivo Semente, e A miña Terra, de Santiago D. Risco. Ademais, poderemos ver A poeta analfabeta, de Sonia Méndez", na parte da galega, indicou a directora do festival. Entre os filmes da sección oficial atópase tamén a estrea en España de Neiti aika, de Elina Talvensaari, que participou no International Documentary Film Festival de Amsterdam, e de Como el viento, de Raquel Ruiz, e Skatepark, de Jonatan Lyrefelt e Kim Ekberg.

Nesta 16ª edición a MICE colabora co festival portugués Family Film Project, dirixido por Filipe Martins, "para que –en palabras de Ana Estévez– o público da Mostra poida coñecer un traballo que nós consideramos exquisito, polo que fai na relación do cinema coas ciencias sociais".

O xurado estará formado por Bibiana Martínez (doutora en Antropoloxía Social e investigadora no Grup d'Estudis sobre Reciprocitat da Univesidade de Barcelona e no Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña); José Manuel Sande (xestor cultural, activista, docente e programador de cinema do CGAI - Filmoteca de Galicia); e Filipe Martins (doutor en Semiótica Social, profesor na Escola Superior de Media Arts e Design de Porto e director do festival Family Film Project). Eles farán entrega dos premios á "Mellor Película Etnográfica" e á "Mellor Película Galega" dotados con 1.000 e 800 euros, respectivamente, ademais dun trofeo.

Pola súa banda, o xurado da Asociación Galega de Antropoloxía, formado este ano por Guadalupe Jiménez-Esquinas, Carlos Diz e Joan Roura, entregará o premio " " "AGANTRO" á excelencia antropolóxica dotado con 500 euros e trofeo. Os e as asistentes tamén outorgarán o premio do "Público", que consistirá nun trofeo, e para o cal se habilitará un sistema de votación por internet. Ademais, nesta 16ª edición créase un novo galardón, o premio "CREA" outorgado pola Asociación Galega de Profesionais da Realización e a Dirección, dotado con 200 euros e trofeo.

O festival terá unha fórmula mixta na que a sección oficial a concurso poderá verse tanto de maneira presencial en diferentes sesións no Teatro Principal, na sala NUMAX e no Museo do Pobo Galego, como en liña a través da plataforma Vimeo. Os filmes fóra de concurso e mais os das seccións Trazas e Impropias só se proxectarán en sesións presenciais. Pola contra, as pezas programadas polo festival convidado "Family Film Project" do Porto serán todas en liña.

Nesta edición, a creación audiovisual galega está composta pola pre-estrea do documental de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva (Illa Bufarda) "Negro Púrpura", que se proxectará na sesión inaugural do festival o martes 6 de abril, ás 19h30, no Teatro Principal; e pola curta "Os Corposv, de Eloy Domínguez Serén, que terá a súa estrea galega na MICE fóra de concurso o venres 9 de abril, ás 20h00, no Teatro Principal. E xa na sección oficial a concurso a curta "A miña terra", de Santiago D. Risco; o filme "A poeta analfabeta", de Sonia Méndez; a curta "Notas sobre a habitabilidade" en A Barca, do colectivo Semente; e a película "Entre pastores e lobos", de Manuel Pedrosa.

Jacobo Sutil, director de AGADIC, destacou que festivais como a MICE son "unha parte fundamental do noso sistema audiovisual, non só pola difusión se non tamén pola formación e información". "Se sempre dicimos que un audiovisual que fala de nós é o síntoma claro de ter un audiovisual propio, neste caso, que temos uns filmes que directamente inciden na nosa relación coa terra na que estamos, pois con moito máis sentido", sostivo Sutil.

Por outra banda, Xurxo Couto, deputado responsable da Área de Cultura da Deputación da Coruña, recalcou que a MICE funciona como "un singular encontro de culturas a través do audiovisual" cunha "vontade de mostrar as producións audiovisuais máis apegadas á terra coa mistura de tradición e novos soportes de creación e difusión cultural". "A MICE ofrece o rexistro audiovisual da nosa forma de ser", aseverou Couto, quen apuntou que na sección oficial a concurso hai once filmes con oito orixes diferentes "nos que cada creador ou creadora nos fala das súas culturas e das súas terras". Isto sucede, como sinalou Couto, porque "o Museo do Pobo Galego nos demostra que a identidade pode ser vangarda".

Neste sentido, o responsable da Área de Cultura da Deputación da Coruña parabenizou o festival "pola importante presencia feminina", da mesma maneira que o fixo a concelleira responsable de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, quen salientou que "a metade dos once filmes a concurso na sección oficial están dirixidos ou co-dirixidos por mulleres". Rosón explicou que "a MICE aporta a Santiago pedagoxía, diversidade cultural, outras realidades, en definitiva, cultura. Novas perspectivas que nos achegarán a outras realidades e maneiras de estar no mundo". "É unha oportunidade para a cidadanía de Compostela e para os que xa comezan a visitarnos neste contexto tan complicado poidan desfrutar destes filmes", apuntou a concelleira.

As entradas da MICE para proxeccións presenciais no Teatro Principal poderán retirarse de forma gratuíta na web de Compostela Cultura a partir do luns 5 de abril, ás 10h00. No caso dos filmes programados no cinema NUMAX, as entradas estarán poderán retirarse a partir do xoves 25, ás 13h00 na súa propia web. Este martes 25, ás 16h00, se porán á venda as das películas que estarán no Museo do Pobo Galego a través da plataforma Vivetix.

Exposicións, encontros e concertos
A exposición "ONS SOA", comisariada pola arqueóloga e etnógrafa Paula Ballesteros-Arias a partir do seu traballo de campo na Illa de Ons acompaña esta 16ª edición da MICE con 19 fotografías e paisaxes sonoras que representan historias de vida, historias dunha comunidade que modelou a propia illa, dotando dunha enorme simboloxía aos espazos, con numerosos mitos e lendas asociados a elas. A mostra poderá visitarse no Museo do Pobo Galego ata o 30 de maio. Sobre as experiencias vividas neste arquipélago conversarán a comisaria da exposición, o garda forestal do parque natural Roberto Castiñeira Lavadores o director do filme Ons Alfonso Zarauza, moderados pola directora da MICE, Ana Estévez. Será o xoves 25 de marzo, ás 17h30, no Museo do Pobo e poderá seguirse por streaming. A continuación, ás 19h30, proxectarase a película "Ons", de Alfonso Zarauza, no auditorio do Museo.

O que significa recitar unirá a Luz Pichel, O Leo e Celso Fernández Sanmartín nun encontro recital o sábado 10 de abril, ás 12h00, no Claustro do Museo do Pobo Galego, que conecta coa temática de "Trazas", a sección programada en colaboración co Cineclube de Compostela, que nesta edición xira arredor da lingua. En colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización, CREA, prográmase unha mesa baixo o título A comunicación dos produtos audiovisuais.

"A MICE sempre pretendeu ser un espazo de encontro entorno ao cinema e ás ciencias sociais, pero tamén ser un espazo de formación", destacou a directora da MICE, Ana Estévez. Este ano, a cineasta e antropóloga Adriana Vila dirixirá o taller Da investigación á creación biográfica , no que abordar as cuestións previas sobre as que debaten as creadoras e creadores na aproximación aos personaxes que desexan representar. Para o que si quedan prazas é para o work in progress do artista visual Vicente Vázquez, no que proxectará Do not lean on door, unha peza do seu percorrido polo metro de Nova York entre a noite e a mañá do Black Friday.

A entrega de premios terá lugar o sábado 10 de abril, ás 13h00, no Museo do Pobo Galego e contará coa actuación do "Modulador de Ondas", o proxecto do compositor, thereminista e guitarrista Paulo Pascual, que interpretará a banda sonora de Negro Púrpura, de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, que se pre-estrea nesta edición da MICE.

Sección oficial
Na sección oficial emitiranse os seguintes filmes:

-La Forêt, de Mortada Ouahib e Lo Thivolle (estrea en España)
-Hostal España, de Chus Domínguez, Inma Álvarez e traballadoras e residentes do Hostal España (estrea en Galicia)
-Neiti aika, de Elina Talvensaari (estrea en España)
.A miña terra, de Santiago D. Risco
-Notas sobre a habitabilidade en A Barca, do colectivo Semente (por Alfredo Ruiz, Andrés Fernández, Pablo Paloma, Paloma Hernández e Patxi Burillo)
-De los nombres de las cabras, de Miguel G. Morales e Silvia Navarro
-A poeta analfabeta, de Sonia Méndez
-Entre pastores e lobos, de Manuel Pedrosa (estrea en Galicia)
-Skatepark, de Jonatan Lyrefelt e Kim Ekberg (estrea en España)
-Viagem aos Makonde, de Catarina Alves Costa (estrea en Galicia)
-Como el viento, de Raquel Ruiz (estrea en España)

Compartir: