ALCALDÍA

O alcalde destaca os avances nas liñas de actuación recollidas no Acordo do Foro Cívico

11/02/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado dos concelleiros de Turismo, Sindo Guinarte; e de Medio Ambiente, Mila Castro, participou na reunión, vía telemática, do Foro Cívico, na que explicou, repasaron os compromisos acadados. O rexedor destacou que os presentes na xuntaza recoñeceron os avances que se están producindo nas cinco liñas de actuación recollidas no "Acordo do Foro Cívico" asinado na Cámara de Comercio compostelá en maio de 2019.

Sánchez Bugallo cre que "houbo un grao de conectividade moi importante. Todos coincidimos en que queremos os mellores servizos públicos, de maior calidade e a un custo razonable para a veciñanza de Santiago". Na videoconferencia participaron, por parte do Foro Cívico, Delmiro Prieto, secretario da Fundación Santiago Centro; José Carballo, vicepresidente da Cámara de Comercio; e o avogado José Carlos García Cumplido.

Acordo do Foro Cívico
Os cinco compromisos contidos no "Acordo do Foro Cívico" son a industrialización de Santiago; a consecución da intermodal, os denominados orbital e orbitaliño, a construción da nova depuradora e a mellora da administración municipal.

Respecto da industrialización, desde o comezo de mandato avanzouse na constitución e desenvolvemento do BIOPOLO, aprobáronse modificacións fiscais, establecendo bonificacións durante cinco anos de ata o 95% no IBI, IAE, ICIO para aquelas empresas que creen emprego, amplien o seu cadro de persoal ou avancen na modernización tecnolóxica. Tamén se acordou a declaración de Santiago como Concello Emprendedor, dentro do programa Doing Business; e deuse un pulo real ao Polígono da Sionlla coa resolución dos dous problemas que tiñan bloqueada a concesión de licenzase

En relación á estación intermodal, desbloqueouse a construción da estación de tren, que conta co proxecto de execución xa elaborado e dotación orzamentaria nos Presupostos Xerais do Estado de 2021, con previsión de continuidade no 2022 e remate no ano 2023, con cargo ao Fondo Europeo de Reconstrución.

No capítulo de infraestruturas, o orbital atópase actualmente en obras, con previsión de remate no ano 2023; e están en execución os tramos que faltan da A54, con dotación orzamentaria do Estado nos anos 2021 e 2022, e previsión de remate dos traballos no ano 2023. En canto ao Orbitaliño, atópase en proceso de resolución das alegacións presentadas polo propio Concello.

No que respecta á EDAR, xa está asinado o convenio para a súa execución e explotación. O reparto da financiación é o seguinte: 36,58 millóns a cargo dos Fondos Europeos de Reconstrución; 10,86 millóns procedentes da Xunta a través de Augas de Galicia; e 8,57 millóns (máis IVE) con con cargo ao Concello de Santiago. A previsión é que as obras comecen en 2022 e rematen no ano 2025, co obxectivo de que a EDAR comece a funcionar no ano 2026.

En canto á reforma da administración electrónica, púxose en marcha o pasado 28 de outubro, engadindo a sede electrónica, o rexistro electrónico, as notificacións electrónicas, o taboleiro electrónico e todos os servizos habilitantes, así como un xestor de expedientes electrónicos.

O Foro Cívico de Santiago de Compostela, é unha plataforma de traballo que reúne a institucións, asociacións e colexios profesionais da capital galega como son a Universidade, a Cámara de Comercio de Santiago, a Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago e Comarca, a Fundación Santiago Centro, a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, o Rotary Club, a Real Sociedade Económica de Amigos do País, a Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, a Asociación de Antigos Alumnos da Universidade, a Asociación de Xornalistas de Santiago, Compostela Solidaria, a Asociación Vicus Francorum, o Colexio Maior A Estila, o Colexio de Avogados, o Colexio de Economistas, o Colexio de Arquitectos, o Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais, o Colexio de Procuradores e o Ateneo de Santiago.

Compartir: