EMPREGO

O Concello organiza "As ciencias escríbense en feminino", unha xornada divulgativa para o Día Internacional da muller e a nena na Ciencia

02/02/2021 O vindeiro xoves 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da muller e a nena na Ciencia, data promovida polas Nacións Unidas. Con motivo desta celebración, terá lugar un evento por streaming destinado aos centros educativos, cun formato ameno e divertido orientado a alentar as mulleres novas nos campos profesionais das STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics).

O Concello de Santiago pon en marcha esta iniciativa formando parte do movemento global do "Día Internacional da muller e a nena na Ciencia", promovido pola ONU, que se realizará o xoves 11 de febreiro de 2021. Mediante un divertido evento, as mellores científicas galegas contaranlles as principais vantaxes que ten estudar unha carreira científica no ámbito de diferentes disciplinas: ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas.

O obxectivo principal deste evento é brindar ás estudantes modelos de diferentes opcións de profesións científicas, e axudalas a ser conscientes do seu gran potencial, a superar os estereotipos e inspiralas.

Así, a ONU destaca que o notable desequilibrio de xénero nos campos de STEM impide que as mentes de homes e mulleres traballen xuntas para achegar perspectivas diferentes e diversas á innovación necesaria para enfrontar os desafíos actuais da nosa sociedade.

A actividade está orientada ás rapazas galegas de entre 9 e 15 anos que están estudando nos colexios e institutos e comezando a valorar diferentes e diversas carreiras profesionais e académicas. O evento será emitido en streaming de forma simultánea para todos os centros de ensinanza (colexios e institutos) de toda Galicia que se rexistren en talentiasummit.com

Grandes profesionais da ciencia presentarán a súa traxectoria, os proxectos que levan a cabo e as vantaxes de forxarse un futuro nas diferentes disciplinas científicas. O evento combinará as conferencias e presentacións das científicas con xogos didácticos e experimentos para ofrecer un contido ameno e divertido.
Máis información en talentiasummit.com

Compartir: