XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local acorda solicitar a subvención dun millón de euros á Deputación da Coruña que se destinará a novas axudas aos sectores afectados pola crise da COVID

21/01/2021 A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe en sesión extraordinaria, aprobou o plan "Eixos 2 (comercio local) e 4 (promoción económica) do Plan de Reactivación Económica do Concello de Santiago", que será obxecto dun convenio a formalizar no seu momento entre o Concello e a Deputación da Coruña.

En concreto, aprobouse o orzamento do plan, que ascende a 3.214.109,84 euros, dos que, 2.214.109,84 euros serían achegados polo Concello de Santiago (o 68,89%) e 1.000.000 pola Deputación da Coruña (o 31,11%).

Tamén se acordou, na reunión do executivo municipal, solicitar ao organismo provincial a citada subvención de 1.000.000 de euros para o cofinanciamento do desenvolvemento do Plan "Eixos 2 e 4 do Plan de Reactivación Económica do Concello de Santiago".

Esta subvención de 1.000.000 de euros, xa anunciada, sería a contribución da Deputación da Coruña ao "Plan de reactivación Económica do Concello de Santiago", que se iniciou en 2020 e que está previsto completar en 2021. En concreto, con esta cantidade, está previsto convocar novas liñas de axudas que, ademais do comercio e a hostalería, ampliaríanse a outros epígrafes de actividade económica, como ximnasios, negocios relacionados co sector turístico, etc.

Dentro do plan aprobado hoxe están integradas as convocatorias de maio de axudas para a reactivación do comercio local, o programa para a mellora e innovación do comercio local "Coidar para mellorar", os cheques de consultoría e as axudas directas para a mellora e innovación dos sectores de restauración e hostalería. Tamén inclúe as primeiras convocatorias de axudas para o rescate do comercio local, da restauración e da hospedaxe afectadas pola crise da COVID19, lanzadas en decembro pasado.

Agora, esta subvención da deputación permitirá sacar, proximamente, unha nova convocatoria de axudas que incluirá, ademais do comercio e a restauración, outros supostos subvencionables.

Documentos relacionados



Compartir: