ORZAMENTOS

Aprobada a conta xeral de 2019

20/01/2021 O pleno do concello de Santiago aprobou, na sesión extraordinaria celebrada hoxe, a conta xeral do ano 2019 cos votos a favor do grupo municipal socialista e a abstención de PP, Compostela Aberta e BNG.

Antes de dar paso á votación, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou que "queda moito camiño por percorrer, e moito camiño por mellorar. Pero, se hai algo que recoñece a veciñanza de Santiago, é que este é un concello preocupado pola cidadanía, a carón da cidadanía e que desde o punto de vista das axudas efectivas incluso nos poñen como modelo respecto a outras administracións que se atopan nun escenario significativamente mellor, e con máis recursos dos que podemos ter nós", engadiu.

A aprobación da conta xeral do ano 2019 defendeuna a concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local. Marta Abal destacou que o orzamento de 2019, que estivo en vigor no último cuatrimestre, daba resposta ás necesidades de crédito de máis de 6 millóns de euros que existían no concello, segundo figuraba nos documentos recibidos no traspaso de poderes; e, a maiores, en 2019 aumentou o gasto por habitante respecto a 2018 en 70,68 euros.

Marta Abal explicou que no traspaso de poderes figuraba un documento relativo ás necesidades de crédito detectadas por capítulo de gasto que non tiña cabida no orzamento prorrogado. Esa necesidade de crédito, sinalou, "cifrouse en máis de 6 millóns de euros, ou dito doutra maneira había un déficit de máis de 6 millóns de euros no orzamento prorrogado polo que era imprescindible aprobar un novo". Por iso, engadiu, "elevamos ao pleno da corporación municipal un orzamento cuns créditos de gastos iniciais por mais de 109 millóns de euros.

No turno de réplica, a concelleira explicou a diminución do investimento por habitante respecto a 2018. Ese orzamento, recordou, entrou en vigor no último cuadrimestre do ano 2019; e tiña como función principal "cadrar as contas á vista das necesidades de máis de 6 millóns de euros". Ademais, engadiu, "non podemos comparar un capítulo de investimentos de 5,6 millóns e euros, cun capitulo de investimentos de 10 millóns de euros. É normal que se reduza o investimento". Pero, pola contra, tal e como reflicten os números, aumenta o gasto por habitante, pasando, afirmou, de "1.048,66 no ano 2018 a 1.119,34 no ano 2019".

Marta Abal foi contundente: "a inversión non se pode ver solo en termos de capítulos 6 e 7 de investimentos, senón tamén no gasto por habitante, que se incrementou en cultura (11,81%), en educación (2,22%),en medio ambiente (0,71%) en vivenda e urbanismo (2,37%), ou en servizos sociais e en promoción social (1,16%). En todas esas políticas a porcentaxe de gasto acadada no ano 2019 é superior á acadada no exercicio inmediatamente anterior". E en termos globais, continuou, "os dereitos recoñecidos netos no exercicio 2019 ascenderon a máis de 108 millóns de euros fronte aos dereitos recoñecidos netos do exercicio 2018 que ascenderon a 101 millóns de euros".

Aínda así, a concelleira de Economía recoñeceu que "os datos son moi mellorables, e de feito niso estamos traballando e demos pasos importantes ao respecto. Porque a clave está na execución do gasto, no control da execución e na súa planificación".

Entre eses aspectos a corrixir "de modo inmediato", citou o PMP (Periodo Medio de Pago), que pasou de 36,25 días a 35,04, "pero a mellora non é para estar contentos xa que hai que manter un PMP constante ao longo do ano"; o incremento de investimento por habitante, ou a mellora dos indicadores de xestión, engadiu a concelleira.

Compartir: