TURISMO

A Xunta de Confrarías de Santiago de Compostela presenta o cartel da Semana Santa 2021

11/01/2021 A Xunta de Confrarías de Santiago de Compostela presentou hoxe, fronte á Porta Santa, o cartel da Semana Santa 2021, no que están representadas as imaxes titulares das trece confrarías que percorren a cidade histórica, que representan a máis de 5.000 confrades e confradas. No acto estaban presentes distintas autoridades, entre elas o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte; o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

O cartel descubriuno Julián Barrio e o actual presidente en funcións da Xunta de Confrarías, José Ramón Muñiz Ramos, quen sinalou que "desde o pasado ano 2019 son moitas as persoas que nos solicitan carteis para diferentes puntos xeográficos. Non só do territorio nacional, senón que mesmo de Latinoamérica". Un feito que proba o interese que esperta a Semana Santa na cidade do Apóstolo. O cartel, coa cor de fondo da bandeira da cidade, así como do Ano Santo, conta como imaxe central coa Cruz de Santiago, formada no seu interior polas imaxes titulares que procesionan polas rúas compostelás. Ademais, a Xunta de Confrarías non quixo pasar por alto a importancia do Camiño de Santiago, representado polos diferentes "capirotes" de cores das confrarías. A Semana Santa de Santiago, declarada de interese turístico autonómico, conta, segundo os datos da entidade, con 17 procesións.

Celebración Semana Santa 2021
Sobre a celebración de Semana Santa, José Ramón Muñiz indicou que "polo momento estamos a traballar como calquera outro ano. Agora tocaba presentar o cartel neste importante Ano Santo. Tamén estamos a pechar as xestións co pregoeiro, que daremos a coñecer nas próximas datas. Loxicamente temos que ser cautos e responsables, xa que a situación sanitaria actual non é un tema menor. Pero desde a Xunta de Confrarías cremos que o cartel debe presentarse. No caso do pregón, buscaremos un espazo amplo e cumpriremos as medidas ditadas nese momento, ademais de retransmitir todo en directo desde as nosas redes sociais para aquel público que non poida ou non desexe asistir por precaución".

No referente aos propios desfiles procesionais que, no caso de non celebrarse este ano sería o segundo consecutivo que se suspenden a causa da COVID, Muñiz mostrouse cauto. "É unha decisión que corresponde á Arquidiócese. É evidente que o panorama non é favorable, pero abriremos un diálogo este mes de xaneiro coas autoridades eclesiásticas para acordar a decisión que se debe tomar. Tentaremos buscar alternativas no caso de que os desfiles non poidan percorrer as rúas". Neste sentido sinalou que "desde o mes de setembro, por mor da suspensión do pasado ano, chegamos á conclusión de que deberiamos estar preparados para complementar o que poida pasar este ano con contido dixital nas nosas redes sociais ou actos a porta pechada con aforamento reducido nas sedes das Confrarías, co fin de que os confrades poidan honrar ás súas imaxes".

O pasado ano, a Xunta de Confrarías alcanzou máis de 450.000 visualizacións nas súas redes sociais coa iniciativa "Semana Santa en casa". No acto de presentación do cartel tamén estaba presente o portavoz do Grupo Popular no Concello de Santiago, Alejandro Sánchez Brunete, e representantes de entidades como "Compostela Monumental" e "Campus Stellae", que colaboran desde hai dous anos coa propia Xunta de Confrarías.

Perspectivas turísticas
Ao remate do acto, o conselleiro de turismo falou sobre as perspectivas turísticas a curto prazo. Son, segundo Sindo Guinarte, "malas". "Nós sempre barallamos a idea de que probablemente ata inicio do verán non se ía recuperar certa normalidade na mobilidade e en consecuencia na actividade turística". Pero, engade, tendo en conta as actuais condicións da pandemia, e o ritmo de vacinación, así como as complicacións en distintos paises "da nosa contorna", "é impensable que antes do verán recobremos un ritmo de actividade minimamente normal".

O concelleiro de Turismo non se atreve a prognosticar unha data de recuperación normal da actividade turística. "É moi arriscado" sinala. O que si confirma é que "imos traballar de cara ao futuro. Falaba hai un momento co arcebispo e coa directora de Turismo de Galicia, para retomar as mesas de traballo que tiñamos en marcha, de cara á organización de distintas actividades, cuestións que teñen que ver coa afluencia de persoas de cara ao Xacobeo", e sobre o Plan de Sustentabilidade Turística. "Imos comezar", sinalou, "a pór en marcha os obxectivos deste plan", dotado con 3 millóns de euros. "Constituír a comisión de seguimento e a continuación, comezar a traballar en cada un dos obxectivos do plan, que se debe desenvolver no 2021, 2022, e 2023, pero non queremos demorar o seu inicio", finalizou.

Compartir: