XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba o convenio a subscribir entre ACUAES, Augas de Galicia e o Concello de Santiago para a execución e explotación da EDAR da Silvouta

04/01/2021 A Xunta de Goberno Local aprobou o convenio a subscribir entre a Sociedad Mercantil Estatal Aguas de las Cuencas de España (ACUAES), a Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela para a execución e explotación da nova estación depuradora de augas residuais de Silvouta. O investimento estimado será, segundo explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, de 56.280.000 euros. Está previsto que a EDAR entre en funcionamento no ano 2026.

Desta cantidade, e segundo figura no convenio, o Fondo de Reconstrución da Unión Europea aportará un 65%, é dicir, aproximadamente 36.582.000 euros; Augas de Galicia, 10.826.000 euros; e o Concello de Santiago 300.000 euros en concepto de anticipo; e 8.572.000 euros de financiación a ACUAES, ao que hai que engadirlle o IVE e que se aboará nun máximo de 25 anualidades.

As aportacións económicas do Concello de Santiago de Compostela concrétanse nas cantidades derivadas da aportación de 300.000 euros durante a fase de redacción e tramitación do proxecto construtivo da EDAR e o proxecto de acometida eléctrica en dúas anualidades de 150.000 euros en 2021 y 2022; ás que haberá que sumar o IVA correspondente, que serán aboadas directamente a ACUAES. A estas engadiranse as derivadas do resto do importe da inversión e o déficit de financiación dos fondos da Unión Europea, que será financiado acudindo aos mercados financieiros a través das correspondentes operacións de captación de recursos alleos. Son eses 8.572.000 euros máis IVE, que terán que ser devoltos a ACUAES a partir da entrada en funcionamento da EDAR.

Este convenio ten como obxecto regular a cooperación entre as partes interviñentes para a execución e financiamento destas obras e especialmente avanzar na definición, desenvolvemento e aprobación dos proxectos construtivos que permitan garantir a asignación da axuda con cargo ao Fondo Europeo de Reconstrución dando continuidade ao Convenio de Diálogo Competitivo asinado o 15 de marzo de 2020 entre ACUAES e o Concello de Santiago de Compostela coa elección da empresa e tecnoloxía finalmente seleccionada.

Segundo explicou o alcalde, a aprobación deste convenio é un paso importante "despois de todos os tumbos e o tempo que se perdeu durante estes anos. Dos 9 anos transcorridos, sete foron anos perdidos. Pero hoxe está encamiñada". Ao remato da rolda, agradeceu a "celeridade do Consello da Xunta" que aprobou o convenio o pasado 29 de decembro, o que cualificou como "unha boa noticia".

Compartir: