ALCALDÍA

O alcalde destaca a aposta do concello pola biotecnoloxía e o emprendemento social na visita á II Feira de emprendedoras de Compostela

31/10/2020 O alcalde compostelá, Xosé Sánchez Bugallo, visitou a "II Feira de outubro de emprendedoras de Compostela" que rematou hoxe. O rexedor achegouse ata a Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos, onde destacou que "é necesario apostar pola innovación e o emprendemento" e pór en valor "aquelo que nós temos, que nos permite competir en mellores condicións nunha economía aberta . O rexedro tamén lembrou a aposta do concello pola biotecnoloxía "onde a universidade de Santiago é punteira", polas novas tecnoloxías, e polo emprendemento social.

O obxectivo principal desta Feira de Emprendedoras da Comarca de Compostela, impulsada pola Oficina de Promoción Económica dependente da Alcaldía, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, é achegar á cidadanía as diferentes iniciativas da economía social lideradas por mulleres, e que están creando tecido empresarial responsable e transformador na nosa contorna.

Na clausura participou a concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón; e a vicerreitora de Igualdadade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo. Na súa intervención, Rosón destacou a importancia da economía social no sector cultural de Compostela, e o esforzo que as administracións están a facer para adaptar a oferta cultural á actual situación de pandemia, "para que se poida", sinalou, "seguir gozando da cultura.

Nesta segunda edición, a temática escollida foi a innovación social no emprendemento, xa que, segundo a organización, é neste eido no que se traballan valores asociados á creatividade, ao coñecemento, ao impacto social e medioambiental e todo isto totalmente compatible coa creación de empresas innovadoras, ligadas a diferentes e moi diversos sectores empresariais e viables economicamente, pero poñendo no centro das organizacións ao capital humano. Na xornada tamén se analizou a crise sanitaria, económica e social provocada pola pandemia da COVID19 e baralláronse as posibles solucións que poderían axudar a combater os efectos desta crise.

As protagonistas desta feira foron as mulleres que crean empresas con fines sociais, e nas que a súa actividade empresarial non está só determinada pola necesidade de maximizar os beneficios económicos, senón tamén por lograr un impacto social. Estas empresas son as cooperativas, xunto con outras entidades entre as que se atopan as sociedades laborais e os centros especiais de emprego.

Compartir: