ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA

Entran en funcionamento a sede e o rexistro electrónicos do Concello

29/10/2020 O Concello de Santiago de Compostela activou no día de onte a súa sede electrónica, accesible no enderezo https://sede.santiagodecompostela.gal. Inclúe un acceso ao rexistro electrónico municipal.

Empregando o rexistro electrónico calquera cidadán pode presentar as súas solicitudes por vía telemática, desde o seu domicilio e sen necesidade de desprazarse ata as oficinas municipais. Para empregalo unicamente será preciso dispor dun certificado electrónico.

As persoas e entidades obrigadas a relacionarse electronicamente coa Administración deberán empregar o rexistro electrónico en todo caso.

Quen ten obriga de relacionarse electronicamente coa Administración?
De conformidade co disposto no artigo 14 da Lei 39/2915, de 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das administracións pública, as persoas físicas poderán elixir en todo momento se se comunican coas Administracións Públicas para o exercicio dos seus dereitos e obrigacións a través de medios electrónicos ou non. Non obstante, reglamentariamente, as Administracións poden establecer a obriga de relacionarse con elas a través de medios electrónicos para determinados procedementos e para certos colectivos de persoas físicas a respecto das cales quede acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios, por razón da súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos.

En todo caso, estarán obrigados a relacionarse a través de medios electrónicos coas Administracións públicas para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo, polo menos, os seguintes suxeitos:

a) As persoas xurídicas.
b) As entidades sen personalidade xurídica.
c) Quen exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria, para os trámites e actuacións que realicen coas Administracións públicas en exercicio da devandita actividade profesional. En todo caso, dentro deste colectivo entenderanse incluídos os notarios e rexistradores da propiedade e mercantís.
d) Quen representen a un interesado que estea obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración.
e) Os empregados das administracións públicas para os trámites e actuacións que realicen con elas por razón da súa condición de empregado público, na forma en que se determine reglamentariamente por cada administración.

Compartir: